Os testemuños de dúas explotacións afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica: "Isto é un sen vivir"

Confesan que teñen animais "a morrer" e que agardan duras consecuencias dun brote "que se podía ter previsto cunhas vacinas, que chegaron tarde".

Por Amanda Fernández | Lugo | 12/09/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Nas últimos semanas, o sector gandeiro vive nunha constante preocupación polo brote de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa producida por un virus que se transmite aos animais exclusivamente mediante a picadura de mosquitos do xénero Culicoides.

Unha vaca afectada pola EHE nunha explotación de Molmeán
Unha vaca afectada pola EHE nunha explotación de Molmeán | Fonte: Cedida Ana Álvarez

Segundo os últimos datos que traslada a Consellería do Medio Rural, Galicia ten notificados focos en 30 comarcas veterinarias neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor. En concreto, 14 na provincia de Ourense (A Gudiña, A Limia, Allariz, Baixa Limia, Maceda, O Carballiño, Ourense, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Ribadavia, Valdeorras, Verín e Viana); nove na de Lugo (Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Os Ancares, Sarria, Terra Chá-Castro, Terra Chá-Guitiriz, Terra de Lemos-Quiroga e A Ulloa), e sete na provincia de Pontevedra (A Paradanta, Caldas, Deza, Ou Condado, Pontevedra-O Morrazo, Tabeirós Terra de Montes e Vigo-Baixo Miño), neste novo período estacional 2024 de circulación do vector transmisor.

Por outra banda, o número de explotacións positivas confirmadas por laboratorio sitúase en 1.015 e os animais positivos confirmados en 2.344. O Galicia Confidencial puido falar con dúas persoas con explotacións gandeiras afectadas, Ana Álvarez, de Molmeán (Navia de Suarna) e Francisco Rivas, de Láncara, que trasladan a difícil situación que están vivindo. 

"LEVAMOS DOUS MESES SEN TER UN MOMENTO DE TRANQUILIDADE"

O primeiro testemuño co que contamos foi o de Ana Álvarez Fernández, coñecida como Ana de Molmeán, a vila onde ten a súa explotación gandeira en Navia de Suarna. "Levamos dous meses sen ter un momento de tranquilidade, vixiando aos animais cada día, isto é un sin vivir e andamos medo no corpo", expresa. Agora mesmo a súa rutina pasa por tratar de evitar que  "morran, aínda que logo queden inservibles". Destaca que non "son 1.000 e pico casos en toda a comunidade como di a Xunta", xa que, segundo indica, xa na súa comarca "hai 400 explotacións afectadas". Dentro da explotación ten seis casos e, destes, son tres as que están moi graves. Comenta que viven coa presión de ter que chegar a tempo e reivindica que a súa profesión debería ser declarada de risco. En casos así vénse na obriga de manexar aos animais en condicións complicadas ao estar en extensivo.

Ana expón o seu malestar e o dos seus compañeiros gandeiros: "Sentímonos totalmente estafados e abandonados por parte das administracións. Por un lado, o Ministerio, xa sabendo que o problema da EHE viña do ano pasado, non se declarou como enfermidade e non nos cobren os agroseguros. Por parte da Xunta, tamén sabendo o precedente, non tomaron medidas oportunas coa vacinación da lingua azul, que se está facendo agora en verán. Tiña que ter sido en inverno cando o virus do mosquito non estaba circulando. Que pasa? A vacina da lingua azul é obrigatoria e estase poñendo a animais, que se cadra, xa están enfermos e a inmunidade será peor. De feito, nin nos indican si se poden poñer xuntas a vacina da EHE e a da lingua azul, estamos pelexando cun virus e metémoslle outro". 

Unha vaca afectada pola EHE nunha explotación de Molmeán
Unha vaca afectada pola EHE nunha explotación de Molmeán | Fonte: Cedida Ana Álvarez

Sobre a cuestión da vacina fronte ao mosquito comenta que hai pouco que se comercializou e que son os gandeiros os que "teñen que asumir os costes". Afirma que ninguén lles deu garantías para poñer ambas vacinas xuntas e que non teñen "nin solucións nin axudas". Por isto lanza unha mensaxe: "Faría un rogo a quen corresponda que a nosa profesión sexa declarada de risco e, se ese rogo non é atendido, sendo moitos os gandeiros que o consideramos necesario, o rogo convertiriase en esixencia". 

"HAI VARIAS FORMAS DE PERDER UN ANIMAL"

Ana non é quen de valorar as consecuencias agora e di que se verán a curto prazo, pero destaca que "hai varias formas de perder un animal". Cando un morre xa o perdes e con el todo o traballo, pero hai moitos que aínda que vivan "considéranse perdidos". A enfermidade deixou a algunha sen dentes e coa lactación perdida por completo, grave consecuencia para as granxas de leite e tamén para as de carne porque "non poden alimentar aos xatos". Ademáis, apunta á posible afectación na fertilidade dos touros. Neste sentido, manifesta: "Penso que se un directivo dunha empresa privada tomara unhas decisións tan irresponsables e de tal repercusión económica negativa para a empresa, non continuaría co seu cargo. Os que tomaron decisións e xestionaron así o brote, están levándonos á ruina". 

No que atinxe á liña de axudas, considera que tendo animáis cunha "gran selección xenética, que vale moitos cartos", se o animal morre ou ten que ir ao matadoiro, outorgar "600 euros é un insulto". Tamén explicou que para que esa axuda de 600 euros se conceda, habería que presentar un certificado emitido polo veterinario clínico: "Non lles vale o análise de sangue, con resultado oficial, que fixo o veterinario cando veu tratar o animal, senón que temos que pagar por ese certificado". Conclúe manifestando o seu desexo de que a sociedade en xeral coñeza a situación dos productores do sector primario: "Estánnos arruinando e a poboación quedará sen alimentos de calidade". 

"VANA TER A EHE CASE TODAS AS VACAS, UNHAS LIBRARÁN E OUTRAS IRÁN NO CAMIÓN VERDE"

"É unha enfermidade que levamos sufrindo uns 20 ou 25 días nas nosas vacas, unhas reaccionan ben aos medicamentos e outras que vemos que están afectadas, apenas fai falta tratalas", comenta Francisco Rivas, vicepresidente da Asociación de Gandeiros galegos da Suprema e cunha explotación gandeira en Láncara. Cada animal reacciona dun xeito diferente e hai de todo. No seu caso, aínda non tivo ningunha morte, pero expón que ten "unha que vai morrer porque xa non come, non funcionan os medicamentos e non consegue recuperarse".

Na súa explotación confirmou seis casos de EHE, pero conta que moitas das súas vacas tiñan síntomas raros e que "foi polo brote do mosquito". Teñen na explotación as vacas en dez lotes e con animais afectados en cada un deles: "Tiven un lote de novillas bastante afectado, aínda que non sei moi ben se as picou porque non se sangraron, pero hai unhas vacas máis afectadas ca outras". 

Entre os síntomas, Francisco describe que as vacas paran de comer e beber, sepáranse do lote, e actúan de xeito diferente: "Unhas vanse das patas de atrás, inflámaselles a parte baixa das mesmas e ás máis graves atácalles á boca, movendo a mandíbula seguido producen chagas..". Recoñece que cada unha lle afecta dunha maneira distinta, e incluso aos ollos ou a mucosa. Ante esta situación, sinala, quedan sen leite por completo e afecta "moito á producción porque as vacas quedan como táboas". Confesa que ten compañeiros con ata 20 casos e con touros que "quedan estériles". 

E as vacinas? "Saíron fai nada, o mes pasado, e aquí os veterinarios decidiron non vacinar por se resultaba contraproducente, ao non saber como ía funcionar. Chegaron tarde, se chegaram dous meses antes, as vacas estarían inmunizadas e funcionaría. Cada veterinario decide que facer e aquí para reducir o impacto botamos tres veces repelente e supoño que algo axudaría. Isto vén sendo como a Covid, que houbo xente que o pasou e nin se enterou e outra que faleceu". 

Por último, sinala que o "agroseguro non os cobre por estes casos" e que a Consellería lles falou "de sobre 600 euros por unha vaca cando iso xa o vale un tenreiro de catro meses". Non ten moitas esperanzas e apunta a que para que dean esas axudas habería que presentar "cuberta unha estancia, analíticas, un informe veterinario...". Así, considera que é "un queda ben das administracións cara a sociedade" e que o ano pasado xa houbo zonas afectadas por este mosquito para traballar na prevención. "Ao final as vacas sufrirán case todas a EHE, unhas librarán e outras irán para o camión verde", di con resignación ao que engade a "mala situación" do sector cárnico "co desastre dos prezos cando van ao matadoiro e o que se paga pola carne". 

Unha vaca afectada pola EHE nunha explotación de Molmeán
Unha vaca afectada pola EHE nunha explotación de Molmeán | Fonte: Cedida Ana Álvarez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta