A illa de Ons, un paraíso na lentitude

"Os minutos pasan máis rápidos nas cidades, non é mentira, e por iso hai lugares que se converten en eternos, aínda que esta forma de vida que defende a lentitude estea condenada a desaparecer".

Por A arte é azul - Tensy Gesteira | Bueu | 03/02/2016

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

O tempo o tempo o tempo

O tempo o tempo o tempo

O tempo o tempo

E?

Xa pasou!

Lembro un libro que lin unha tarde de inverno, cos pés na lareira e cunha cunca de té verde cunhas torradas untadas en manteiga. O escenario da lectura influía moito no contido do libro, que non era outro que A vida simple do francés Sylvain Tesson, un home que se cansou un día de convivir con tantas présas e cun mundo que camiña cada vez máis a pasos axigantados. Tras proverse de abundante vodka e de moitos libros, foise a unha isba (cabana) preto do lago Baikal, na taiga rusa. E é que o mundo tan tecnolóxico e apurado fai que perdamos a esencia do que debería ser a vida, tranquila e apracible que defendían ata hai ben pouco os nosos avós.

Os minutos pasan máis rápidos nas cidades, non é mentira, e por iso hai lugares que se converten en eternos, aínda que esta forma de vida que defende a lentitude estea condenada a desaparecer. As illas Ons, pertencentes ao Concello de Bueu, son precisamente ese exemplo de vida lenta, dunha vida dura, desa cultura do esforzo que trae o seu merecido agasallo tras a captura dos produtos do mar e do agro que garanten a subsistencia.

552139_396151673825712_999837618_n

Na actualidade, do cento de veciños e veciñas que vivían na illa durante todo o ano, quedan só catro persoas, que continúan defendendo unha forma de vida que vén de antigo e que quizais morrerá con eles. Desta supervivencia e da forma de ser peculiar dos habitantes da illa fala precisamente o documental de Nico Martínez Millán titulado Fóra do continente. Este cangués capturou fronte ás cámaras as declaracións e o día a día destas persoas que pasan todo o ano, incluído o inverno, na illa. Cunha duración de 22 minutos, a esencia dos colonos móstrase en todo o seu esplendor, xa que a cinta conta cos mellores actores e actrices e coa súa espontaneidade.

No medio das súas declaracións, unha paisaxe única, que nos leva a ver ese mar embravecido e os días e noites nos que estas persoas acoden a pescar e a buscar a súa subsistencia na máis directa natureza.

552139_396151673825712_999837618_n

Este modo de vida interesou tamén a Staffan Mörling, un antropólogo sueco que desembarcou na illa cando era novo para facer un traballo sobre as dornas (embarcacións típicas tradicionais) e que se namorou da forma de ser da illa e de Josefa, a que foi logo a súa muller. A esta forma de vida e á súa dona rende precisamente homenaxe na súa última novela, publicada por Edicións do Cumio, Namoreime en Ons. Esta obra expresa tenrura, expresa amor pola tradición, pola unión dos veciños e veciñas da illa, por unha maneira de vivir lenta e sen apuros, polo traballo e polas festas, e por unha loita común: a da propiedade das súas casas.

A historia das Ons, os eternos colonos

Tal e como conta a xornalista Marta Lemos no seu libro A bordo das Ons, estas illas pertenceron desde o século XIX a propietarios individuais que quixeron explotar os seus potenciais e a súa pesca, e que influíron notablemente nos dereitos dos colonos, nome co que son coñecidos os habitantes da illa.  Precisamente, o primeiro propietario das Ons foi Manuel Riobó Guimaráns, un médico que exerceu a súa actividade durante dez anos na colonia de Filipinas ata o desastre de 1898, cando España a perdeu. De familia pobre, este home logrou facerse cunha grande riqueza, e tamén foi concelleiro municipal entre 1902 e 1905. Manuel mercará as Ons ao marqués de Valadares, quen as herdara da súa avoa, Joaquina Montenegro. Daquela as Ons estaban xestionadas por un arrendatario de nome Marcial Bernadal, co que se vai aliar o médico para explotar os recursos das Ons. Esta compra supuxo que os donos das Ons tivesen a exclusividade sobre os recursos pesqueiros e sobre o transporte marítimo desde o arquipélago, que explotaron mediante a creación da sociedade mercantil Isla de Ons S.L.

552139_396151673825712_999837618_n

O tempo vai pasando e a xestión das illas dá en problemas entre os dous socios, polo que ao final Manuel quédase coas dúas partes. En 1930, o médico, xa canso e con 70 anos, cederalle a xestión das Ons ao seu único descendente Didio Riobó, o cal vai ter cada vez máis problemas cos colonos que reclaman os seus dereitos como propietarios das vivendas que habitan. A Didio non lle pagan as rendas, e tamén está aí a Guerra Civil. O comerciante morre aforcado en estrañas circunstancias, deixando un escrito onde manifestaba a súa decisión de deixar as illas aos colonos. A partir de aí, creouse un debate alimentado polas diferentes teses sobre a morte de Didio. A súa muller, María Antonozzi, de orixe italiana e a desgusto nas illas, decide vendelas ao Estado no 1942, baixo a conformidade de que se ían destinar á defensa do Estado.

O Estado español faise entón co dominio das illas, aínda que finalmente non construíu ningunha base militar nelas, o que alimenta as posibilidades dos herdeiros de Riobó, encabezados por Dolores Riobó Nigorra, para recuperar a propiedade das Ons. Esta neta de Manuel Riobó apoiábase na tese de que as illas non foran usadas para o que se expropiaran, polo que os herdeiros lexítimos terían a posibilidade de recuperalas. Será nestes anos cando choquen as demandas de Dolores e dos herdeiros de Riobó coas dos antigos colonos. As Ons xa pertencían á Xunta de Galicia desde o ano 1984.

552139_396151673825712_999837618_n

Didio Riobó

A historia das Ons é pois unha continua loita pola propiedade. Desde o ano 2001, todos aqueles veciños que poidan acreditar o seu vínculo coas illas poderán utilizar durante 99 anos as vivendas, en réxime de concesión, renovable por acordo entre as partes, e do que se exclúen a venda ou calquera tipo de transmisión entre vivos. Desde os 400 habitantes que Ons tiña nos primeiros anos, hoxe só resisten uns poucos.

A historia das Ons continúa, e o seu modo de vida quizais se recupere no futuro. Como dicía unha das mulleres no documental de Nico Martínez, volverase máis tarde que cedo á economía do mar.


Tensy Gesteira

Tensy Gesteira, xornalista e redactora no blog de literatura Lecturafilia, creado en 2013. Son das persoas que penso que unha vida se explica a través da cultura que te acompaña nela, e por iso me rodeo de infinitos libros, son una bibliófila que le en cada oco que ten libre, e que goza compartindo impresións cos demais. Nesta sección atoparedes un pouco de min, dese pouso que os libros deixan, e sobre o que estes me fan reflexionar.
linkedin.com/tensygesteira
facebook.com/tensygesteiraestevez
twitter.com/tensygesteira

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA