Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 23/11/2024 | Actualizada ás 15:00
O Himalaia, esa cordilleira que separa o subcontinente indio do vasto planalto tibetano (agora parte de China) no norte. Tan impoñente, cos seus 10 cumes acadan máis de 8.000 metros de altura, como perigosa, pois rexístranse máis de 300 mortes de escaladores dende a segunda metade do século XX, a maioría delas a causa de avalanchas, lesións por caídas, colapsos de xeo, hipotermia ou problemas de saúde relacionados coas condicións da montaña. Sobre este último aspecto, hai que ter en conta que non todos os cadáveres foron localizados, polo que os detalles da maioría das mortes non están dispoñibles e, debido ao difícil acceso aos mesmos, a maioría dos corpos aínda permanecen na montaña. O pico máis coñecido, sen lugar a dúbidas, é o Everest, que cos seus 8.848 metros é a montaña máis alta do planeta. Ademais, o Himalaia tamén conta con 14 montañas que superan os 8.000 metros de altitude. Esta cordilleira atravesa ou linda con cinco países: Bután, India, Nepal, China e Paquistán. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, tivemos a sorte de falar co escalador galego Gonzalo Fernández García, que chegou a coroar un deses picos do Himalaia que supera os 8.000 metros: o Gasherbrum II (8.035 metros). Esta é a súa historia.
Gonzalo mudouse a Andorra xunto á súa familia cando aínda era moi pequeno, aos 7 ou 8 aniños, no ano 1998. Segundo conta, "alí case che obrigan a aprender a esquiar e a moverte na neve, porque son disciplinas deportivas que forman parte dunha asignatura como a que podería ser Educación Física no caso de Galicia". Foi así como xa dende moi curta idade comezou a practicar deportes relacionados directamente coa alta montaña, como bici de montaña e maratóns. Sen embargo, aos 18 anos a vida deulle un revés: a morte da súa nai. Nese momento "comecei a facer cousas un pouco máis diferentes e menos habituais, como viaxar só en bicicleta conectando Verín con Sarajevo (Bosnia-Herzegobina)". Dentro desa etapa, Gonzalo atopou nas expedicións "unha maneira de relacionar o tema de viaxar en solitario para atoparme comigo mesmo coa montaña". Aos seus 32 anos, este galego pode dicir coa boca ben grande que xa leva toda unha vida vinculado á montaña e que, nos últimos 6 anos, foi incrementando progresivamente a dificultade das súas escaladas, con picos máis grandes e que requiren de máis técnica: "Comecei con montañas de 5.000 metros no Cáucaso, en Rusia, e nos últimos catro anos xa levo varias expedicións a montañas de máis de 8.000 metros".
Agora ben, tamén lamenta que non pode realizar todas as expedicións que lle gustaría polo elevado custe que ten escalar montañas de semellante altura. "Dependo máis do orzamento que doutra cousa", afirma, e apunta a que "eu son un traballador normal e aforrar o suficiente ao longo de todo un ano como para poder chegar a pagar unha expedición a unha montaña de 8.000 metros (aínda indo sen sherpas e sen osíxeno, que é o que máis encarece o prezo final) que facilmente custaría entre 10.000 e 15.000 euros, supónme un sacrificio moi grande". Fai uns anos, cando escalaba montañas de menor tamaño, o custe económico era menor, porque tamén requiría menos tempo de escalada, pero agora está centrado en retos máis grandes. De feito, lembra que foi fai catro anos cando "me saiu a oportunidade de formar parte dun equipo de alpinistas mozos do Pirineo que se ían de expedición a Paquistán, para escalar o Gasherbrum II (8.035 metros) e foi aí cando realmente me cambiou o 'chip', porque pola duración da expedición, duns 2 meses, tiven que deixar o traballo que tiña, con toda a seguridade que che dá o ter un traballo estable, vender a miña furgoneta e facer unha campaña de 'crowfunding'". Ao final, a pesar das dificultades, "conseguín reunir os cartos suficientes para facer a expedición e tiven a sorte de que todo saiu moi ben, fixemos cima e logramos completar unha das actividades máis potentes que se fixeron no Himalaia por parte de escaladores da zona dos Pirineos". Tamén por ese logro a Federación Galega de Montaña lle outorgou a Gonzalo o recoñecemento de mellor actividade do ano.
"HAI QUE SUMAR O TEMPO DE ACLIMATACIÓN Á ALTURA, Á FALTA DE OSÍXENO TAN GRANDE QUE EMPEZAS A EXPERIMENTAR A PARTIR DOS 7.000 METROS"
Dende esa, este galego xa leva unhas sete expedicións máis ao Himalaia, unha cordilleira que nunca deixará de impresionalo. Con todo, amósase satisfeito coa súa evolución, porque "fun moi paso a paso, foi todo moi progresivo, xa que, obviamente, non te plantexas dun día para outro ir ao Himalaia intentar unha grande ascensión". "Empecei facendo escalada invernal nos Pirineos", lembra, e, "tras varias expedicións a cumes duns 4.000 metros nos Alpes durante os invernos, xa fun gañando a autoestima suficiente como para plantexarme o meterme en montañas de 8.000 metros". Gonzalo ten a sorte de que "o meu corpo responde moi ben aos cambios de altura, aclimátase moi rápido á altura, que adoita ser o problema máis grande que temos os escaladores cando facemos expedicións en montañas de 8.000 metros". Aínda así asegura que "nunca lle perdo o respecto á montaña, porque ao final estes lugares sempre van vinculados a moitos accidentes que ocorreron a outros escaladores previamente". É por iso que tamén confesa que calquera escalador debe preparse moi ben para afrontar un reto de tal magnitude, "gañando moita experiencia previa, moita técnica e tamén moitos coñecementos de autorescate, xa que, ao final, cando estás nunha montaña a 8.000 metros de altura realmente atópaste só, non podes depender de que veña un helicóptero cun equipo de salvamento salvarte".
Sobre a súa escalada ao Gasherbrum II, Gonzalo precisa que "cando vas a unha cordilleira como o Himalaia, que abarca máis de 10.000 quilómetros de punta a punta, daste conta de que todas as montañas de 8.000 metros están comprimidas entre Nepal, o Tibet e Paquistán, polo que, dependendo da cima que che interese escalar, deberás ir nunha época do ano ou noutra, habendo montañas que se suben en abril, outras en setembro e outras en xullo, dependendo da climatoloxía de cada montaña concreta". En función diso, variará tamén o tempo de escalada, pero asegura que no seu caso foron 2 meses, aínda que podería verse reducido ese tempo a mes e medio se todo sae perfectamente ben, sen imprevistos (que sempre adoita haber). Así as cousas, o galego asegura que cando saes a unha expedición deste tipo "sabes cando vas, pero non cando volves, podes calculas que estarás mes e medio ou dous meses fóra, pero nunca é exacto". E por que tanto tempo? Porque "hai que sumar ao tempo que xa de por si leva escalar a montaña, a aclimatación do corpo á altura, que o teu corpo se acostume a vivir con esa falta de osíxeno tan grande que empezas a experimentar a partir dos 7.000 metros", pois "o corpo humano non está pensado para sobrevivir a máis de 7.000 metros", de tal maneira que, "se pasas moito tempo a esa altura, morres, directamente, porque cientificamente é imposible sobrevivir a unha exposición prolongada a máis de 7.000 metros de altura".
"CANDO CHEGAS AO PRIMEIRO CAMPAMENTO BASE, A UNS 5.000 METROS DE ALTURA, TES QUE DESCANSAR, PORQUE TE ATOPAS MAL: NÁUSEAS, VÓMITOS..."
E aínda que concede que a día de hoxe hai moitas ferramentas e utensilios que serven de axuda aos escaladores, dende o seu punto de vista, "o máis bonito é poder escalar esas alturas sen osíxeno artificial", porque "senón é como ir correr o 'Tour de Francia' e facelo cunha bicicleta eléctrica", chancea Gonzalo. "No momento en que lle 'enchufas' osíxeno ao teu corpo este revive, polo que eu cando vou alí sen osíxeno extra teño que saber se realmente estou preparado fisicamente para expoñer ao meu corpo a 8.000 metros de altura, chegar ao cume e volver baixar, en autonomía total, polos meus propios medios, sen empregar ningunha cousa que me facilite artificialmente o ascenso", expón o escalador. Para poder chegar a facer iso, o proceso de escalada ten que ser moito máis lento, tendo que saltar de campo base en campo base e retrocedendo para recuperar forzas e aclimatar o corpo á altura. E que é un campo base? O galego apunta a que se trata dunha especie de pequenos mini poboados que se atopan a uns 5.000 metros da base da montaña dende os que se distribúe a loxística e todo o preciso.
Gonzalo explica que "cando chegas ao primeiro campamento base, que pode estar a uns 5.000 metros de altura (uns 10 días de escalada), tes que descansar", porque "te atopas mal, a falta de altura cáusache náuseas, malestar, insomnio e falta de apetito". Unha vez aclimatado o teu corpo á altura, sobes ata o segundo campamento, ubicado, por exemplo, a 6.000 metros, onde deixas un depósito de comida e víveres que vas precisar no seguinte tramo, logo volves baixar ao campo base anterior e descansas dous ou tres días para volver repetir tras ese tempo a operación, e así sucesivamente durante un mes, aproximadamente". O momento máis emocionante de todo ese proceso de escalada, sen dúbida, é cando chega o momento da última 'rotación' (de deixar provisións no último campamento base antes de chegar ao cume da montaña). "Normalmente fanse entre 3 ou 4 rotacións, nas que se busca aclimatar o corpo á altura e deixar a ruta equipada para que nos días seguintes, no camiño cara a cima, te vaias atopando con esa comida, gas, material, medicación de emerxencia (na expedición ao Gasherbrum II levaron inxeccións de adrenalina e medicación para o mal de altura que empregaron aos 7.500 metros)... Así podes ir máis lixeiro durante o teu ascenso, sen tanto peso na mochila, porque xa previamente o fuches repartindo e, tras as rotacións pertinentes, só saes do campamento base co básico: auga e algo de comida", explica.
"MOITAS EXPEDICIÓNS NON CHEGAN AO CUME NON POR FALTA DE PREPARACIÓN DOS ALPINISTAS, SENÓN PORQUE A MONTAÑA OS EXPULSA CON AVALANCHAS"
"Irte atopando polo camiño con comida e medicación de emerxencia dáche un 'plus' de seguridade increíble, ao igual que poder chegar máis descansado ao día importante: o día de tocar cume", asegura. Iso si, ninguén di que isto sexa tarefa sinxela nin apta para calquera, pois, "ao final pasamos, de media, uns 45 días totalmente illados en cada expedición, sen falar coa familia nin os amigos, sen vías de comunicación, sen Internet...". E, sen dúbida, deses días, os máis críticos para calquera escalador son os que se pasan a máis de 7.000 metros de altura, especialmente ao caer a noite. "Esa altura supón como unha barreira a partir da cal o osíxeno en sangue baixa drasticamente", asegura Gonzalo, que apunta a que "a máis de 7.000 metros a saturación de osíxeno ronda o 60 %, cando normalmente o noso corpo atópase ao 99 %, en circunstancias normais". Para que o entendamos, asegura que "con esa saturación de osíxeno un paciente entraría na UVI de calquera hospital". Así as cousas, lembra que "esas noites a tal altura son moi duras, con náuseas, malestar xeral e vómitos que se acentúan coas temperaturas tan baixas que no Himalaia se acadan pola noite, e que chegan tranquilamente a -25 ou -30ºC". Afortunadamente, Gonzalo asegura que "todo o mal que o pasas paga a pena cando contemplas a fermosa paisaxe que non se pode ver de ningún outro xeito no mundo".
E, aínda que a cima é o resultado máis visible dunha expedición, o escalador galego tamén concede que "todos os que nos adicamos á escalada de altas montañas sabemos que ese non é o éxito, é o culme do proxecto que poidar ter, pero o importante é o proceso". De tal maneira que "hai moitas expedicións que non chegan ao cume non por falta de preparación dos escaladores, senón porque a propia montaña os expulsa, con avalanchas ou temperaturas que lles impiden avanzar". Tamén é por iso que Gonzalo confesa que "cando chegamos ao alto do Gasherbum II sentinme moi afortunado, porque sei que o fixen polos meus propios medios, sen ter que utilizar osíxenos nin sherpas, e tamén porque sei que cheguei alí porque a montaña mo permitiu". De feito, insiste en que "por moi bo escalador que sexas, por moi boa técnica que teñas e por moi forte que esteas, alí arriba eres moi vulnerable, porque sabes que a montaña, se quixera, podería acabar contigo cunha simple avalancha". Ademais, tamén chancea con que "a eses 8.035 metros de altura a falta de osíxeno tamén che fai delirar un pouco, cústache manter a concentración e podes verte a ti mesmo como dende fóra". No seu caso concreto, unha vez alí, "emocioneime moito porque sabía que na casa tiña a moita xente pendente de min, dende Galicia toda a miña familia estábame apoiando e empurrando para que o lograse, preocupada tamén por que non me pasase nada".
"TÉÑOME ATOPADO CON COLAS PARA PODER CRUZAR PASOS A 7.500 METROS DE ALTURA, O CAL É MOI DESAGRADABLE E TODO O CONTRARIO AO QUE BUSCO"
Antes de despedirse do GC, Gonzalo tamén fai unha reflexión sobre a masificación turística que sufriron certos picos nos últimos tempos. "Os escaladores profesionais que cada ano imos ao Himalaia, catro tolos a nivel mundial, imos buscando a soidade, polo que adoitamos evitar sempre as montañas que sabemos que xa están máis masificadas", asegura, e lembra ocasións nas que "me teño atopado con colas para poder cruzar pasos a 7.500 metros de altura, o cal é moi desagradable e todo o contrario ao que estaba buscando". Pero como é posible que haxa tanta xente preparada para ascender tales alturas? Pois porque non é que estean preparados fisicamente, senón que van con axuda de todo tipo para logralo, tras pagar inxentes cantidades por un paquete turístico que lle asegura que poderá chegar sen problemas ao cume do Everest, por exemplo. Sobre estas persoas, Gonzalo asegura que "danme un pouco de pena, porque aínda que cada quen é libre de facer o que queira, ao chegar ao Everest non por preparación persoal senón por pagar moitos cartos, estanse perdendo a parte bonita do proceso, a superación persoal que se sinte ao saber que conseguiches prepararte para unha ascensión deste calibre".
Finalmente, e para a xente que queira comezar a entrenar en condicións semellantes ás da alta montaña pero en picos de menor altura, como preparación para expedicións máis complexas no futuro, Gonzalo apunta algunhas das montañas galegas que son perfectas para practicar escalada. "En Galicia temos montañas fermosas e, antes de ir ao Everest ou ao Himalaia, estaría ben comezar por coñecer as montañas que temos na casa, valoralas, querelas e logo xa buscar novos obxectivos, cando xa esteas moi entrenado na escalada a montañas máis pequenas e te sintas verdadeiramente autónomo como para afrontar novos retos", propón Gonzalo. Entre esas montañas galegas destaca a Serra do Xurés, a Serra do Galiñeiro e Pena Trevinca. "Son zonas que teñen condicións de alta montaña practicamente iguais ás que se poden atopar nos Pirineos ou nos Alpes, con circos glaciares, cascadas de xeo...", afirma, aínda que lamenta que, como noutras outras cousas, "o cambio climático está facendo mella e o incremento da temperatura ás veces provoca o desxeo máis temperá destas montañas". Por sorte, este galego tamén cre que "cada vez hai máis xente en Galicia que valora os seus montes e as súas montañas e que se interesa pola escalada e por mantelas coidadas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.