Comeza o prazo de inscrición para os 'Premios Martín Códax da Música'

O anuncio da 12ª edición destes premios foi realizado polo director da Axencia Galega das Músicas Culturais o pasado mércores na Sala Capitol de Santiago de Compostela. O prazo para inscricións estará aberto ata o 23 de marzo e a gala de entrega de galardóns será o 28 de maio.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/03/2025 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

En marcha a 12ª edición dos Premios Martín Códax da Música, evento organizado pola Asociación Músicas ao Vivo e que volve contar co apoio económico da Xunta de Galicia en recoñecemento á súa consolidación como plataforma de difusión do talento musical galego.

Presentación da 12ª edición dos Premios Martín Códax da Música. Foto: Prensa Xunta de Galicia.
Presentación da 12ª edición dos Premios Martín Códax da Música. Foto: Prensa Xunta de Galicia.

A sala Capitol de Santiago de Compostela acolleu o pasado mércores 26 de febreiro a comunicación do lanzamento da convocatoria de 2025, na que o público xogará de novo un papel fundamental na elección dos proxectos premiados. Segundo os datos da organización, preto de 4000 persoas participaron na rolda de votacións de 2024, ano no que por vez primeira se posibilitou esta participación externa.

O responsable de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Jacobo Sutil, interveu nesta presentación xunto á cantante Sheila Patricia, presidenta de Músicas ao Vivo; Tomás Díez, vogal da directiva, e unha representación do resto de institucións e empresas colaboradoras. Sutil felicitou a organización por esta nova convocatoria, que referenda o papel dos Martín Códax como escaparate da diversidade e a calidade da música que se fai en Galicia, así como da industria que se desenvolve ao seu redor. Neste sentido, lembrou a importancia de iniciativas que, como estes recoñecementos, contribúen á  posta en valor e maior proxección social deste sector.

INSCRICIÓNS

O prazo para inscribirse como banda ou artista comezará o 3 de marzo e durará ata o día 23. Nos últimos anos veñen rexistrándose máis de catrocentas propostas nas quince categorías musicais habilitadas en cada convocatoria.

Unha vez rematado este prazo, o xurado profesional valorará as candidaturas nun proceso que se desenvolverá durante o mes de abril e do que sairán tres finalistas por apartado. Xa en maio, abriranse as votacións ao público e ás persoas asociadas a Músicas ao Vivo.

O 28 de maio darase a coñecer o nome dos gañadores deste ano no transcurso da gala de entrega, que volverá ter lugar de Pontevedra e que, segundo adiantou a organización, gardará estreita conexión co Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e á poesía oral tradicional. No evento desvelaranse, ademais, os premios Artista Emerxente e Organistrum para salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta