O herdo cultural que loita por sobrevivir: a encrucillada dos cabalos salvaxes de Galicia ante os cambios no monte

Jaime Fagúndez, investigador da Universidade da Coruña (UDC) e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), convida a ver o mantemento das poboacións de 'bestas' en Galicia como "unha peza clave para manter os ecosistemas naturais no mellor estado posible, de maneira que os faga o máis resilientes posible aos cambios que xa temos enriba, como é o caso do cambio climático".

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 17/04/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os cabalos salvaxes galegos, tamén coñecidos como 'bestas', son unha das especies máis emblemáticas dos montes de Galicia, sendo parte da nosa tradición e identidade rural. A súa presenza nas serras de Galicia non só forma parte da historia natural da rexión, senón tamén do noso patrimonio cultural, como testemuñan os gravados en petróglifos e as antigas tradicións que celebran a súa relación co ser humano. Aínda que o concepto de 'salvaxe' pode resultar controvertido cando falamos destes animais, xa que non se trata de cabalos completamente independentes da acción humana, a súa vida no monte, sen intervención directa para a súa supervivencia, lles concede unha certa autonomía que os fai únicos. Desde hai décadas, estes cabalos xogan un papel fundamental na conservación dos ecosistemas galegos, grazas á súa capacidade de adaptarse ás duras condicións do monte e contribuír ao mantemento dos queirogais, que constitúen unha parte esencial dos nosos ecosistemas. Sen embargo, hoxe por hoxe, a realidade destes animais está lonxe de ser idílica.

Cabalos salvaxes nos montes galegos
Cabalos salvaxes nos montes galegos | Fonte: primeiroexpreso.blogspot.com - Arquivo

O despoboamento rural, a transformación dos seus hábitats en repoboacións forestais,  principalmente de eucalipto, e a falta de axudas económicas, os requerimentos legais, os danos pola depredación do lobo, as axudas da PAC, as obrigas respecto aos accidentes e outros moitos factores están ameazando a súa supervivencia, reducindo as poboacións de cabalos salvaxes en Galicia a un ritmo alarmante. Galicia Confidencial fala hoxe con Jaime Fagúndez, investigador da Universidade da Coruña (UDC) e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), que leva anos estudando as poboacións de cabalos salvaxes e a súa relación co medio ambiente. Fagúndez, que lidera unha equipa que leva anos estudando as orixes destes cabalos en Galicia, explícanos cal é a súa situación actual e o valor ecolóxico e cultural que representan. Da súa man, descubrimos como as bestas galegas son moito máis que un símbolo do pasado, constituíndo tamén unha peza clave para o futuro dos ecosistemas naturais de Galicia, especialmente nun momento crítico no que o cambio climático e as transformacións do territorio poñen en risco a biodiversidade local.

DENDE CANDO EXISTEN OS CABALOS SALVAXES NOS MONTES GALEGOS? AÍNDA SON VERDADEIRAMENTE SALVAXES ESTES ANIMAIS?

O primeiro a ter en conta é de que estamos a falar cando dicimos que un cabalo é salvaxe. "Cando falamos de cabalos salvaxes, nos nosos traballos e na nosa liña de investigación, referímonos a aqueles cabalos que viven ceibes no monte durante todo o ano, que teñen a capacidade de sobrevivir ás condicións ambientais sen aportes externos por parte do ser humano e que poden reproducirse e manter esas poboacións desta maneira na contorna natural", sinala Fagúndez. Segundo indica, estes cabalos "están sometidos a un sistema de explotación que é o tradicional, no que os chamados 'besteiros' --propietarios deses cabalos, aínda que estes vivan ceibes no monte--, reúnenos unha vez ao ano para marcalos e tomar posesión dos novos poldros que naceron, retirando tamén algúns cabalos, xa que noutras épocas se empregaron tamén como cabalos de casa, é dicir, como cabalos de monta". E é que algúns destes cabalos son os mesmos que noutro tempo foron empregados para montar ou, nos últimos anos, véndense para carne.

E dende cando existen estes cabalos en Galicia? O investigador da UDC asegura que "temos evidencias da presenza destes cabalos nos montes galegos dende sempre". "Sabemos que o cabalo como animal salvaxe existía na Península Ibérica xa durante o Pleistoceno (11 - 12.000 anos) e durante toda a época do Holoceno (10.000 anos - actualidade), porque temos evidencias da súa presenza", apunta. Con todo, confesa que, "en xeral, a literatura o que di é que o cabalo como animal salvaxe foi reemprazado por parte das culturas do leste, que xeralizaron o seu uso como animal doméstico e fórono introducindo en toda Europa, o que fixo desaparecer ao cabalo salvaxe como tal", aínda que tamén afirma que, "no caso concreto de Galicia, non temos evidencias de que os nosos cabalos salvaxes desapareceran como tal nin de que esas poboacións foran reemprazadas por cabalos domésticos". Pola contra, Fagúndez resalta que, "o que está reflexado en diferentes fontes é que o cabalo está nos nosos montes dende hai varios miles de anos, como poderían demostrar certas evidencias paleontolóxicas, arqueolóxicas, culturais, etnográficas...". "Hai gravados nos petroglifos galegos que teñen imaxes nas que se recoñece a caza de cabalo ou, alo menos, a persecución destes cabalos, porque probablemente antes se cazasen", exemplifica.

Cabalos salvaxes en Galicia
Cabalos salvaxes en Galicia | Fonte: LAURA LAGOS - Arquivo

"HOXE ESTIMAMOS QUE TEMOS PRACTICAMENTE A METADE DE CABALOS SALVAXES NO MONTE GALEGO QUE OS QUE HABÍA NOS ANOS 70"

Na actualidade, a presenza de cabalos salvaxes concéntrase nas serras da Galicia occidental e norte, "unha área ampla que abrangue toda a serra do Xistral, a serra da Capelada e a serra da Faladoira". Tamén hai presenza coñecida "máis cara a Dorsal Galega, en serras como na Serra do Candán e na Serra do Cando". Así mesmo, tamén se poden atopar poboacións de cabalo salvaxe "nas serras do Barbanza e, máis ao sur, na serra da Grova ou no Galiñeiro". Como sinala Fagúndez, "historicamente, tamén houbo presenza destes cabalos no oriente de Galicia, dos que aínda quedan algúns vestixios de uso nas serras de Ourense, como no Xurés". E, como non, destacar o escenario histórico que xa é para o cabalo Sabucedo, na Estrada, onde se leva a cabo anualmente a rapa das bestas máis grande de Galicia, un importante atractivo turístico para a zona.

Coñecida a presenza da especie en Galicia e as súas orixes, a pregunta que xorde agora é: cantas poboacións de cabalos quedan nos nosos montes? Nos últimos anos son moitos os 'besteiros' que se teñen queixado de falta de axudas para manter a actividade, de aumento dos ataques do lobo aos poldros e tamén dos efectos do cambio climático que fan que as condicións climáticas sexan cada vez máis adversas para estes animais. Con todo, ao preguntarlle por cifras ao investigador da UDC, este confesa que "non as sabemos", porque "a día de hoxe non hai un censo real de cabalos salvaxes". Existe un rexistro da Xunta que inclúe cabalos en liberdade, pero non especificamente das poboacións de cabalo salvaxe, polo que poderían estar incluídos nese rexistro cabalos doutras razas. De maneira que, "aínda que sabemos que actualmente se manteñen poboacións destes cabalos en diferentes zonas de montaña e tamén contamos cun censo que partiu dunha tese doutoral que se publicou nos anos 70 que xa dicía que as poboacións estaban en declive, non temos datos actualizados". O que si puideron comprobar sobre o terreo, nas zonas nas que traballan, é que "arredor do 50 % da poboación de cabalos salvaxes nalgunhas delas teríase perdido", é dicir, "que, a día de hoxe, temos menos cabalos ou practicamente a metade de cabalos salvaxes no monte que os que había nos anos 70".

"EN MOITAS ZONAS NON HAI XA LUGAR PARA O CABALO, PORQUE AS SÚAS ÁREAS TRADICIONAIS DE CAMPEO SE TRANSFORMARON EN CULTIVOS DE EUCALIPTO"

E é que, como detalla Fagúndez, "o cabalo salvaxe ten varias problemáticas asociadas ao uso que os humanos fan del". Dende o seu punto de vista, a principal causa da súa desaparición progresiva sería o despoboamento do rural e a perda do seu hábitat natural. "Hai que pensar que en Galicia, a maior parte da nosa superficie de monte, onde viven estes cabalos, tense transformado nos últimos tempos para o cultivo forestal, principalmente de especies exóticas como o eucalipto", o que leva a que, "en moitas zonas, directamente, non haxa lugar para o cabalo, limitando así o espazo que este animal pode ocupar no monte, ao transformar as súas áreas tradicionais de campeo en cultivos de eucalipto". Pero esta non é, nin moito menos, a única razón de que a poboación vaia mermando, pois hai moitas outras. Entre elas, sinala "a falta de axudas para o seu mantemento e a falta de rendibilidade do mercado da carne de cabalo, que fai que, como explotación gandeira, tampouco dea bos beneficios".

A estas súmanse outras problemáticas como "a asunción de responsabilidades en casos de accidentes de tráfico ou en casos de invasión de zonas de cultivo que prexudican aos agricultores, porque se considera que os cabalos son dos seus propietarios e que, polo tanto, eles deberían facerse responsables dos danos que ocasionan". Ademais, afirma que "as políticas da PAC tampouco teñen axudado moito porque, entre outras cousas, contabilizan igual as cabezas de cabalo que as de vaca, o que leva a que os cabalos saian perxudicados na ecuación, porque, a un gandeiro, repórtalle moito máis beneficio unha vaca que un cabalo, o que pode animalo a substituír os cabalos salvaxes por vacas tendo en conta que un cabalo representa o mesmo que unha vaca nas cotas máximas de axudas por superficie". "Todo isto leva a moita xente a querer desfacerse das súas bestas", lamenta o investigador.

"O CABALO SALVAXE FAI UN TRABALLO NO MONTE, ESTÁ PERFECTAMENTE ADAPTADO ÁS NOSAS MATOGUEIRAS E CONTRIBÚE A MANTELAS EN BO ESTADO"

Esta perda de poboación acelerada de cabalos salvaxes ten consecuencias moi negativas para os nosos ecosistemas. Como asegura Fagúndez, "o cabalo salvaxe ten un traballo que facer no monte, porque se trata dun animal perfectamente adaptado ás condicións das nosas matogueiras, a vexetación dominante nos montes nos que habita", polo que, "grazas a estes cabalos, moitas das características das matogueiras mantéñense en bo estado". Pola contra, "unha vaca non fai este control". A isto engade a perda cultural e de patrimonio etnográfico e ecolóxico e de potencial turístico ou mesmo de dinamización social que ten o cabalo salvaxe. Por todo isto, para o investigador, "verdadeiramente, é unha pena que non exista un censo actualizado, porque o único semellante co que contamos é con algunhas iniciativas privadas ou a raíz da designación da pura raza galega, que foi un intento de crear unha raza doméstica dunha especie que para nós é salvaxe".

Sobre esta, o investigador sinala que, "podería ser mellor considerar máis as características ecolóxicas do animal no canto das morfolóxicas, porque demostran mellor a adaptación da poboación local". Para os investigadores do CISPAC, "sería máis conveniente estudar a supervivencia das poboacións que hai no monte, e definir ben cales son esas poboacións con capacidade para vivir autonomamente no monte". Agora ben, Fagúndez tamén concede que "facer o censo pode resultar tamén un problema, porque hai poboacións que se recoñecen ben, pero hai lugares nos que temos observado que existe contaminación desas poboacións con outras razas de cabalo de maior porte pero sen capacidade para sobrevivir no monte, porque non están adaptadas e non pertencen a esta linaxe que, moi probablemente, xeneticamente está seleccionada e definida para a súa supervivencia no monte".

"O CABALO SALVAXE PODE SER UN ALIADO E UNHA PEZA CLAVE PARA FACER OS ECOSISTEMAS NATURAIS MÁIS RESILIENTES AOS CAMBIOS QUE XA TEMOS ENRIBA"

Así as cousas, o investigador non quere tampouco lanzar unha mensaxe pesimista de cara o futuro, senón que convida a "mirar cara o futuro cunha proposta en positivo: que o cabalo salvaxe de Galicia sexa un aliado e unha peza clave para manter os ecosistemas naturais no mellor estado posible, de maneira que os faga o máis resilientes posible aos cambios que xa temos enriba, como é o caso do cambio climático". Pois, para loitar contra o cambio climático, "non nos interesan grandes cambios transformadores agresivos co medio e que non están integrados nel, como é a proliferación do cultivo forestal, que conleva un deterioro do solo e unha agresión cara o elemento natural, así como perda de biodiversidade". Fronte a isto, "o cabalo salvaxe dános maior resiliencia, hábitats en bo estado e protección do solo, ao tempo que mantén o ecosistema sán ao ser un gran hervíboro que se alimenta da vexetación e se rodea de toda unha fauna de animais e plantas asociados que viven interconectados con el nese ecosistema complexo". Así, sinala que "poderiamos facer fronte á simplificación dos nosos ecosistemas que nos deixa sen ferramentas para poder combater cousas como o cambio climático".

Cabalos salvaxes, ou bestas, na Serra do Xistral
Cabalos salvaxes, ou bestas, na Serra do Xistral | Fonte: Carlos Castro - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta