O oso pardo volve aos nosos montes: "En 30 anos pasamos de menos de 80 exemplares a 400"

A poboación de oso pardo crece e expándese cada ano, pero a coexistencia con actividades humanas e a conservación xenética seguen sendo desafíos clave para garantir o seu futuro na Cordilleira Cantábrica e Galicia. "Para poder consoliar este proceso é esencial a cooperación continua entre ciencia, conservación e sociedade", advirten Óscar Rivas, presidente da Fundación Oso Pardo, e José Vicente López-Bau, do CSIC.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 12/06/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

No máis profundo dos montes do norte peninsular, onde a néboa transita entre piñeiros e carballos, sobrevive --e agora tamén se expande-- unha criatura que durante séculos foi temida, perseguida e case esquecida: o oso pardo. Emblema do salvaxe, símbolo dun equilibrio fráxil entre natureza e humanidade, a súa soa presenza nos paisaxes da Cordilleira Cantábrica esperta emocións antigas, coma se o eco dun tempo máis primitivo aínda vibrase no seu andar sixiloso. Durante boa parte do século XX, o oso foi desaparecendo dos mapas e da memoria. A súa figura, relegada a contos e escudos heráldicos, foi substituída polo medo e a ignorancia. Nas aldeas, era sinónimo de perigo; para os cazadores furtivos, un trofeo; para moitos políticos, unha molestia. Pero entre esa bruma de hostilidade e resignación comezou a prender, pouco a pouco, outra mirada: a de quen entenderon que a presenza do oso non era un problema, senón unha oportunidade para demostrar que era posible reparar unha ferida ecolóxica.

Exemplar de oso pardo
Exemplar de oso pardo | Fonte: VINCENZO PENTERIANI. - Arquivo

Hoxe, cando se fala do oso pardo, xa non se fala unicamente dunha especie ameazada, senón dunha historia de resistencia e cooperación. De como unha sociedade que case o deixou desaparecer tamén foi quen de organizarse para protexelo. De como a ciencia, a tecnoloxía, o activismo conservacionista e o compromiso local teceron unha rede de vixilancia, estudo e respecto arredor dun dos grandes mamíferos da fauna ibérica. E, sen embargo, esa historia non está pechada: novos retos emerxen coa expansión da especie, e as vellas tensións co mundo rural reedítanse de novas maneiras. A xornada de traballo Nature FIRST, celebrada hai unhas semanas en Lugo, foi unha ventá para asomarse a ese presente complexo do oso pardo. Dúas figuras clave no seu seguemento e protección --o presidente da Fundación Oso Pardo, Óscar Rivas, e o investigador do CSIC José Vicente López-Bau-- trazaron un relato fascinante sobre o que sabemos do oso hoxe: como se lle segue, como se lle estuda, como se lle protexe... e, tamén, como se lle entende.

"NO ANO 1992 O OSO PARDO ESTABA AO BORDO DA EXTINCIÓN, DICÍASE QUE NON PASARÍA DO ALBOR DO ANO 2000"

"No ano 1992 o oso pardo estaba ao bordo da extinción, dicíase que non pasaría do albor do ano 2000", lembrou Óscar Rivas, presidente da Fundación Oso Pardo. Sen embargo, hoxe por hoxe, máis de tres décadas despois, a poboación de osos pardos cantábricos roza xa os 400 exemplares. Un cambio impensable sen a implicación de institucións, entidades científicas, administracións, axentes ambientais e, especialmente, das comunidades locais. E é que a Fundación Oso Pardo naceu precisamente naquel ano de 1992 para enfrontarse a un contexto crítico. Nos seus primeiros anos, centrou boa parte da súa actividade na loita contra o furtivismo, colaborando estreitamente co tamén recén creado Servizo de Protección á Natureza (Seprona) da Policía Nacional. "Foi un traballo arduo, pero conseguimos reverter esa morte non natural da especie", explicou Rivas.

Dende entón, as súas accións foron evolucionando: de frear a caza ilegal a favorecer a coexistencia coas actividades humanas, restaurar hábitats mediante plantacións, previr conflitos en territorios nos que o oso reaparecía e realizar un seguimento exhaustivo da poboación. Todo iso baixo o paraugas de proxectos europeos como os LIFE --ferramenta clave para financiar proxectos que contribúen á protección ambiental en Europa, como á recuperación de especies en perigo, a restauración de hábitats naturais, a mellora da xestión forestal ou a redución de emisións contaminantes--, aos que Rivas considera "unha ferramenta de financiamento imprescindible para a conservación da natureza en Europa".

Oso pardo
Oso pardo | Fonte: ANTONIO GUILLEM - Arquivo

"OS OSOS MÓVENSE MÁIS DO QUE PENSABAMOS; VANSE DESPRAZANDO NUNHA ÉPOCA DO ANO BUSCANDO ALIMENTO E, NOUTRA, FEMIAS PARA APAREARSE"

José Vicente López-Bau, do Instituto Mixto de Investigación en Biodiversidade (CSIC/Universidade de Oviedo), subraiou a importancia das técnicas xenéticas para seguir a evolución do oso pardo. "A poboación na Cordilleira Cantábrica estivo historicamente dividida en dous núcleos --oriental e occidental--, cunha variabilidade xenética moi baixa na zona oriental", explicou. Sen embargo, nos últimos anos produciuse un fenómeno de expansión e mestizaxe que levou á aparición de exemplares híbridos, fillos de osos e osas de ambos núcleos. "Isto indica que os osos móvense máis do que pensabamos", sinalou. Por iso, o emprego de análises de ADN a partir de pelos, excrementos ou saliva foi preciso para estandarizar o seguimento destes osos, confirmar os seus movementos e trazar pedigrís de exemplares clave. Grazas a estas ferramentas, puidose identificar a orixe dos osos detectados en Galicia: moitos proveñen de zonas como Somiedo, Alto Sil ou Cangas del Narcea, o que demostra unha notable capacidade de dispersión, especialmente entre os machos.

En palabras de López-Bau: "Hai unha especie de mancha poboacional densa que avanza moi despacio --as femias osas--, e outra máis rápida --os machos osos--". Primeiro son os machos os que toman a dianteira para explorar novos terreos e, unha vez estes están implantados neles, comeza a chegada das femias reprodutoras. Só entón se pode falar de que a poboación se estabiliza nese novo territorio. Nun traballo recente con Nature FIRST e a empresa E3 Data, analizáronse 17 mostras en Galicia e logrouse identificar a 3 machos, dous deles xa coñecidos dende o 2018 e o 2019. "Son animais de entre 8 e 10 anos que se moven continuamente e non son territoriais, de maneira que vanse desprazando nunha época na procura de alimento e, noutra, na procura de femias para aparearse", resaltou o investigador.

"CANDO HAI DANOS NO GANDO ATRIBUÍBLES AO OSO, TOMAMOS MOSTRAS DE SALIVA PARA CONFIRMAR SE REALMENTE FOI UN OSO O QUE REALIZOU O ATAQUE"

A investigación tamén abriu novas posibilidades. Unha delas foi o emprego da xenética nas análises forenses. "Cando hai danos no gando atribuíbles ao oso, tomamos mostras de saliva para confirmar se realmente foi un oso o que realizou o ataque, un lobo ou mesmo un can, que tamén se deron casos", indicou López-Bau. Este coñecemento é vital tanto para a compensación de danos como para a transparencia das decisións administrativas e a percepción pública do impacto real do oso na gandaría. Por outra banda, os colares GPS tamén revolucionaron o seguemento do oso. Levan xa 25 anos empregándose para coñecer os seus movementos e áreas de campeo, pero tamén serviron para combater o furtivismo. "Un oso morreu en Asturias e, grazas a que estaba marcado, a investigación permitiu abrir un procedemento xudicial contra unha persoa --acusada de furtivismo--", contou o investigador a xeito de exemplo.

Esta tecnoloxía tamén axuda a avaliar a eficacia das políticas públicas e a estudar a relación dos osos cos núcleos de poboación: algúns exemplares que se achegan a vilas e aldeas son marcados para probar técnicas de dispersión como a aversión condicionada e mellorar así os protocolos de intervención nestes casos. Así as cousas, en conxunto, os osos intégranse nunha rede de 'especies centinelas', xunto a voitres, águias ou lobos, que permiten identificar zonas de alto risco para a biodiversidade e optimizar recursos como as patrullas caninas que buscan velenos no medio natural, entre outras cousas.

"A PERCEPCIÓN SOCIAL DO OSO MELLOROU MOITO NOS ÚLTIMOS ANOS, XA NON É UN INIMIGO, SENÓN UNHA ESPECIE EMBLEMÁTICA"

A expansión do oso pardo, especialmente cara o occidente da Cordilleira Cantábrica e Galicia, abre novos retos de convivencia, sen dúbida. "Ese novo escenario esixe compromiso de todas as partes", apuntou Óscar Rivas. Dende a Fundación Oso Pardo traballan agora no proxecto europeo Coexistence Human-Bear, que busca precisamente atenuar os conflitos derivados dunha poboación en crecemento. "A percepción social do oso mellorou moito nos últimos anos. Xa non é un inimigo, senón unha especie emblemática. Pero, para poder consoliar este proceso é esencial a cooperación continua entre ciencia, conservación e sociedade", concluíron os poñentes. O retorno do oso pardo á nosa terra non é un punto final, senón o comezo dunha convivencia que, para que sea duradeira, esixe compromiso, coñecemento e adaptación constante por parte de todos os actores do territorio.

A osa Molina, exemplar de oso pardo cantábrico
A osa Molina, exemplar de oso pardo cantábrico | Fonte: TOTALENERGIES-FOA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta