Por Ángela Precedo | LUGO | 19/10/2025 | Actualizada ás 22:00
Hai algo case metafísico no baleiro que deixa a falta de polbo en Galicia. Non é só unha cuestión económica nin mariñeira: é tamén unha perda simbólica. O polbo é Galicia e Galicia é o polbo. En cada feira, en cada romaría, en cada festa patronal, o cheiro do cobre e do pementón marca o ritmo das celebracións e tamén o das lonxas. Por iso, cando faltan exemplares, non se baleiran só as nasas, senón tamén unha parte da identidade colectiva. Este outono, mentres Lugo se atopa inmerso na celebración do San Froilán, os medios, baseándose nas estatísticas oficiais, volven falar de recuperación. Titulares dalgúns xornais e cadeas de televisión anuncian que "as capturas de polbo e a súa facturación duplícanse en Galicia" e que "hai máis polbo ca nunca na lonxa de Ribeira". Así, a narrativa oficial é optimista: despois dunha veda longa, a especie volta con forza, as lonxas rexistran boas cifras e os prezos medran. Pero nas cooperativas, o relato é outro.
Fernando Simón Vázquez, presidente da cooperativa Pulponor, distribuidora de polbo con sede no norte galego, fala con voz grave, entre a resignación e o desconcerto. "Agora mesmo non temos produto", lamenta. "Estamos pendentes de servir moitos pedidos e non somos quen de mercar polbo, porque non hai cantidade suficiente", advirte. O seu ton cambia cando fala dos titulares que viu recentemente nalgúns medios. "Vin que dicían que todo estaba recuperado, pero nós o que vemos é que non hai nada, así que non sei de onde sacaron eses datos", protesta. Fernando explica que na cooperativa traballan con zonas amplas: "Nós movémonos dende a área da Costa da Morte ata o Barbanza e mesmo Tui, e non vemos mellora". E engade con incerteza: "Os barcos non están pescando ou, polo menos, non están collendo o suficiente". "Se din que hai polbo debe ser por mór do tempo ou nunha zona concreta, porque en xeral non se nota", asegura.
"OS BARCOS QUE ANTES TIÑAN UNHA PRODUCIÓN FIXA AGORA ESTÁN A TER MOITAS DIFICULTADES PARA PODER GARANTIRNOS O ABASTECEMENTO"
De cando en vez, Fernando deixa frases soltas que revelan o cansanzo acumulado coa cuestión: "Semella que nunca remata esta baixada de produto... Nunca remata de mellorar". Mentres, segundo di, a demanda mantense estable. "A xente segue pedindo o mesmo, o consumo é o de sempre, pero os barcos que antes tiñan unha produción fixa agora están a ter moitas dificultades para poder garantirnos o abastacemento", lamenta. E fronte a esa falta de produto galego, empezan a chegar substitutos. "Hai quen xa se está cambiando para polbo doutra orixe, compradores que recorren a polbo doutros países, porque ao final non queda outra", amósase comprensivo. Pero iso tamén trae consigo un certo risco, porque o prestixio que ten o polbo en Galicia depende da súa calidade e "moitas veces o polbo que traen doutros sitios non sabe como o noso e por iso non se vende tanto". Ademais, tamén pode pasar o que tantas veces se teme: que se venda polbo de fóra como se fose galego.
E é que Fernando tamén escoitou que agora mesmo hai abundancia de polbo en zonas máis ao norte de Europa, como nas costas de Inglaterra e tamén en Francia. Isto coincide co que está a acontecer con moitas outras especies: o cambio climático está quencendo as nosas augas e fai que especies que precisan de menor temperatura se moven cara zonas máis ao norte. Así as cousas, preguntado polas previsións a futuro, o presidente de Pulponor admite que están "á expectativa, sen saber moi ben que vai pasar". E explica: "O periodo no que debería haber máis polbo é de setembro a xaneiro, sendo decembro o mes máis forte". Con todo, confesa que non queda outra que "agardar a ver que pasa nos vindeiros meses". "Se a cousa mellora, poderemos garantir algo de produto aos clientes; se non, será a desesperación total", asevera. Ademais, a falta de produto tamén inflúe nos prezos: a menor oferta, maior prezo. "Tal e como está a cousa a moitos hosteleiros e tendas xa nin lles compensa vender polbo, está o tema moi complicado", lamenta.
"A VER SE CHEGAN OS TEMPORAIS DO OUTONO E INVERNO E TRAEN ALGO MÁIS DE MOVEMENTO, PORQUE POLO DE AGORA O MAR ESTÁ MOI PARADO"
Mentres Fernando fala de escaseza e incerteza, as noticias recentes contan outra historia. A comezos de setembro había medios que abrían co titular de que as capturas de polbo e a súa facturación se duplicaran en Galicia, apoiándose en datos da Xunta. Segundo o artigo, as lonxas venderon 240 toneladas máis ca o ano anterior, e a facturación duplicouse grazas á parada biolóxica e ás mellores condicións do mar. Un mes despois, a comezos de outubro, tamén aseguraban que o polbo que estaba a invadir Inglaterra recuperábase en Galicia, falando de capturas crecentes tras a veda e de abundancia en zonas do Atlántico Norte, interpretadas como sinal de bo ciclo biolóxico. Fernando, en cambio, segue sen velo así: "Non sei de onde sacaron eses datos". As súas palabras non son un simple desmentido: son o reflexo da frustración dun sector que sente que a súa realidade non aparece nos titulares.
"Non é o mesmo o que acontece nunha lonxa grande que o que vivimos nas pequenas cooperativas", apunta. E é que na lonxa de Ribeira, referente en Galicia no tema do polbo, tiveron un repunte moi concreto, pero foi algo puntual. Coa experiencia de quen observa o mar dende hai anos, Fernando di que só queda agardar: "A ver se chegan os temporais do outono e inverno e traen algo máis de movemento, porque polo de agora o mar está moi parado". O testemuño de Fernando revela unha fenda entre o discurso oficial e a realidade, entre os datos e o mar: o marisco e o peixe non sempre obedecen ás narrativas, e as cooperativas viven instaladas na espera, ese tempo suspendido entre o temporal e a calma, entre a veda e a esperanza. Quizais o polbo volva con forza, como din as estatísticas, ou quizais simplemente se afastou, buscando augas máis frías, mentres Galicia agarda, coas nasas baleiras, que o seu emblema volva ocupar o prato.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.