Por Santi Domínguez | Vigo | 17/02/2011
E neste caso, ademais do desprezo que moitos dos nosos emigrantes sufrían cando tiñan que coller a maleta para gañarse a vida fóra do país, Galicia ten sufrido historicamente un importante atraso no relativo ás infraestruturas de transporte, un atraso que está lonxe de ser resolvido.
O pasado martes asistín, na miña condición de tenente alcalde, á presentación do proxecto da futura estación do AVE. Sen ter en conta outras consideracións, o edificio deseñado polo arquitecto Tom Mayne será positivo, e desde logo, un punto referencial da nosa cidade. No entanto, debemos ter presentes outras cuestións. O que os vigueses e viguesas queren saber non é como vai ser o edificio da estación, senón cando vai estar rematada a conexión de Alta Velocidade co Eixo Atlántico e coa Meseta. As obras do Eixo Atlántico, que están rematadas entre Santiago e A Coruña, veñen sufrindo unha parada inexplicable. E a conexión directa de Vigo coa Meseta (a xa famosa variante de Cerdedo) vén de aprazarse indefinidamente.
Para a nosa cidade será vital rematar o Eixo Atlántico, que conectará Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Santiago e A Coruña en menos tempo do que leva hoxe desprazarse en coche pola autoestrada do Atlántico, e ademais dun modo máis seguro e ecolóxico. Porén, non chega con iso. É preciso termos a tan necesaria saída sur da cidade, que conecte con Porriño e Tui até a fronteira portuguesa, e de aí, até a cidade do Porto.
Pero iso tampouco é suficiente. Até o de agora, o debate público en torno ao tren está centrado, loxicamente, nos prazos, e tamén nas horas que imos tardar en chegar a Madrid. Porén, esquécese de xeito preocupante a necesidade de facer un servizo de tren de proximidade (cercanías) que permita, por exemplo, que os miles de traballadores e traballadoras que se desprazan todas as mañás até os polígonos industriais do Porriño teñan unha alternativa barata, ecolóxica e rápida ao coche. Esa é unha demanda histórica da sociedade galega que está a ser ignorada tanto polo goberno da Xunta do PP como polo goberno central.