As vítimas de Angrois temen que PP e PSOE pacten eximir a José Blanco e Ana Pastor das súas responsabilidades

A Plataforma Vítimas Alvia 04155 di que ​"Pastor non pode ser o terceiro cargo máis importante do Estado".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 11/02/2019 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

O presidente da Plataforma Vítimas Alvia 04155, Jesús Domínguez, expresou o seu temor a que PP e PSOE acaben pactando no Congreso para non sinalar aos exministros de Fomento José Blanco e Ana Pastor como responsables políticos do accidente do tren Alvia ocorrido en xullo 2013 no barrio compostelán de Angrois.

Vítimas do accidente de Angrois fronte ao Congreso. EUROPA PRESS - Arquivo
Vítimas do accidente de Angrois fronte ao Congreso. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Así o puxo de manifesto na concentración das vítimas dese sinistro fronte ás portas do Congreso, onde este luns comparecen Blanco e Pastor na comisión que está a investigar ese sinistro, que se cobrou a vida de 80 persoas e deixou feridas a 144.

Domínguez mostrou a súa satisfacción por que os extitulares de Fomento "por fin dean a cara" na Cámara Baixa e dixo esperar que tanto un como outro "pidan perdón" —Blanco pediu "desculpas"— e asuman as responsabilidades que, ao seu xuízo, teñen nese accidente.

No caso de Blanco, achácanlle a responsabilidade de "vender" aos cidadáns que a alta velocidade chegara a Galicia coa "máxima seguridade", cando "80 mortos demostran que isto era mentira"; e no relativo a Pastor, repróchanlle que prometeu no Congreso que faría unha investigación "independente" e que se colaboraría coa xustiza, cando os autos dos xuíces e un informe "demoledor" da UE evidencian que nada diso se fixo.

De feito, destacou que recentemente Europa abriu un novo procedemento de infracción a España polo incumprimento da normativa de seguridade ferroviaria cando os exministros de Fomento hoxe citados eran os máximos responsables de aplicar esas directivas.

PASTOR NON PODE SER A TERCEIRA AUTORIDADE DO ESTADO

"Pastor non pode ser o terceiro cargo máis importante do Estado cando foi a persoa que fixo o máximo para que non se saiban as verdadeiras causas do accidente de Angrois", insistiu Domínguez, quen sospeita que o "pacto" do PP e o PSOE sobre este accidente provoque que tanto Pastor como Blanco sexan eximidos da súa responsabilidade política no mesmo.

Como exemplo dese pacto, o presidente da Plataforma puxo de relevo que ambos os partidos se puxesen de acordo para que non se emitise no Congreso o documental 'Frankenstein 04155' ou que as vítimas vaian pechar a rolda de comparecencias na comisión de investigación pero nesta ocasión xa "a porta pechada". "Non hai nada máis antidemocrático e intolerable", denunciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta