Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 24/02/2019 | Actualizada ás 12:00
Naqueles casos en que alguén se dedica a xactarse ou a presumir de algo non é raro escoitar, referidas a ese alguén, expresións do tipo de que se dá pote, se dá pisto ou se dá ton. Coma decote, e dado que nin temos a potestade correspondente nin é o noso labor, non imos entrar a valorar a pertinencia normativa ou non normativa destas expresións (as cales adoptan, iso si, unha estrutura sintáctica que desde o noso punto de vista entendemos que se pode catalogar como de novo cuño ou non enxebre, tal e como explicamos máis polo miúdo no artigo dedicado á secuencia vaites + substantivo), pero si que damos conta de que en galego existen outras expresións, algunhas delas case xa na gabeta do esquecemento, que fornecen exactamente ese mesmo contido. Vexámolas, pois:
Darse pote && Darse tono && Darse pisto && Darse postín
{= Xactarse ou presumir alguén falando de algo coma se fose o mellor, coma se fose o máis importante, etc.}
Botar por fóra
Verter por fóra
Botar por ela
Gastar borra && Botar borra
Pintar a rabia
Ex.: Cuando salimos, le gusta mucho darse pote delante de las chicas, pero es tan exagerado que casi siempre se queda a dos velas.
Cando saímos, réinalle moito botar por fóra ‡ verter por fóra ‡ botar por ela ‡ gastar borra ‡ botar borra ‡ pintar a rabia diante das rapazas, pero éche tan esaxerado que case sempre queda a lamber a buxa.
● Tamén, probablemente asociadas a rexistros máis coloquiais (cando menos a primeira de castelán e de galego):
Tirarse el moco && [E MAIS]: Hablar de papo
Darse ó cheiro && [E MAIS]: Pintar a rabia && Inchar o papo
Ex.: Cando saímos, réinalle moito darse ó cheiro ‡ pintar a rabia ‡ inchar o papo diante das rapazas, pero éche tan esaxerado que case sempre queda a lamber a buxa.
● Mesmo tamén, en contextos:
Subirse a la parra
Subir(se) ó poleiro # ó campanario && Empoleirarse && [E MESMO, COMO POSIBLE CALCO]: Subir(se) á parra
Ex.: Cando saímos, réinalle moito subir(se) ó poleiro ‡ empoleirarse ‡ subir(se) ó campanario diante das rapazas, pero éche tan esaxerado que case sempre queda a lamber a buxa.
● E mesmo tamén, como expresións non tradicionais, importando e asumindo a nova estrutura sintáctica “darse + substantivo”:
Darse importancia
Darse importancia && Darse (moito) bambán
● Tamén, en contextos, e igualmente como expresión non tradicional:
Echarse flores
Botarse flores && [OU, EMPREGANDO UNHA SECUENCIA SINTÁCTICA MÁIS PROPIA]: Botar flores para si
● Tamén, en función dos contextos, e sobre todo naqueles casos en que canda a xactancia e a presunción aparecen actitudes coma a vaidade, a soberbia ou semellantes:
Envanecerse && Ensoberbecerse && Engreírse && [E MAIS]: Ponerse soberbio # vanidoso # jactancioso # arrogante # hueco # inchado # fatuo # pretencioso # presumido
Enfoncharse && Envaidecerse && Encristarse && Ensoberbiarse && Ensoberbecerse && [E MAIS]: Poñerse soberbio # vaidoso # xactancioso # arrogante # foncho # fachendoso # garelo # fatuo # pretensioso # presumido
● E incluso tamén, nesta mesma liña e igualmente en contextos, mais en moitas ocasións co verbo rexendo un complemento:
Presumir (de...) && [E MAIS]: Jactarse (de...) && Alardear (de...) && Gloriarse (de...) && Vanagloriarse (de...) && Blasonar (de...)
Presumir (de...) && Chufar (de...) && Borrear (de...) && Fachendear (de...) && Rumbar (de...) && [E MAIS]: Xactarse (de...) && Alaudarse (de...) && Alardear (de...) && Gloriarse (de...) && Vangloriarse (de...) && Brasonar (de...) && [E INDA TAMÉN, SEN COMPLEMENTO VERBAL]: Campar
● E mais tamén, igualmente en contextos relacionados, e sempre co verbo rexendo un complemento:
Dárselas de... && Echarlas de... && Echárselas de... && Ir de... && Hacer gala de...
Botala(s) de... && Gastala(s) de... && Pintala(s) de... && Ir de... && Poñerse de... && Facer gala de... && Facer alarde de...
NOTAS:
1. En relación coas locucións subir(se) ó poleiro e subir(se) ó campanario, cómpre indicar que o Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) incorre, polo que atinxe ó emprego do verbo subir, nunha pequena incongruencia: así, se buscamos a entrada subir, observaremos que non se recolle a súa utilización como verbo pronominal; sen embargo, noutras partes do propio DRAG si se recollen casos, e mesmo entradas, en que resulta manifesta esa utilización pronominal, coma por exemplo subirse á cabeza, subírselle ás barbas a (alguén) ou subírselle os fumes (a alguén).
En principio aquí partimos de que o emprego máis normal e común en galego é o intransitivo, mais en certos casos, coma os indicados no presente artigo (casos que case con total seguranza presentan características comúns e que posiblemente serían merecedores dun estudo ó respecto), tamén é posible o seu uso pronominal.
2. En relación coas locucións gastar borra ou botar borra, téñase en conta que a voz borra, como indicadora de “ostentación, xactancia”, xa aparece recollida por Sobreira, e que a forma verbal borrear, como “presumir, xactarse; fanfurriñar”, ten unha ampla presenza na lexicografía galega e inda hoxe en día está viva nalgunhas zonas.
3. Polo que atangue á secuencia expresiva botar por ela, cómpre indicar que tamén existe (por exemplo, recolleito no propio DRAG) o substantivo botaporela, como voz equivalente a fanfurriña ou fanfurriñeiro.
Tamén podemos amosar algún ca outro exemplo da referida expresión, coma a paremia de O que ten fillos que non bote por ela, tirada do traballo de Pilar Guerra Otero Así falan en Trasar, e coa cal se indica que o que ten fillos non debe presumir moito deles nin botar soberbias cando ós fillos doutra persoa lles pasa algo negativo, xa que tampouco os seus propios fillos están libres de incorrer no mesmo fallo ou defecto; ou mesmo tamén estoutro caso, enmarcado nunha cantiga popular recolleita por Valladares: Non botes tanto por ela, // que anque tes a casa grande, // pagas a renda por tela.
4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Cuveiro Piñol, Juan: Diccionario gallego. Publicado en 1876. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Departamento de Cultura do Concello de Muxía: “Proxecto Buserana”. No seguinte enderezo de Internet: http://proxectobuserana.concellomuxia.com/a-benvida-ao-proxecto-buserana/
- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Franco Grande, Xosé Luís: Diccionario galego castelán e vocabulario castelán-galego (2ª edición). Publicado en 1972. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas (1985). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.
- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Bitácora no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/
- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través de Internet, no enderezo seguinte:
(2):
- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ibáñez Fernández, José: Diccionario galego da rima e galego-castelán. Publicado en 1950. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.
- Pintos Villar, Juan Manuel: Vocabulario gallego-castellano. Datado ó pé de 1865. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Porto Rey, Francisco: Diccionario gallego-castellano. Publicado en 1900. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega. Versión en liña.
- Reguera y Pardiñas, Eugenio: Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, al castellano. Obra redactada entre 1840 e 1858. Consultada no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.
- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.