Outra transición enerxética é posible: autoxestión fronte a renovables a gran escala

En Galicia existe unha cooperativa enerxética que traballa pola democratización da enerxía e, cando menos, dous proxectos para a creación de comunidades enerxéticas locais que, á espera da regulación necesaria no Estado, poderían converterse no exemplo a seguir por outros moitos grupos de veciñanza e comunidades de montes nos próximos anos.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un marco normativo desactualizado, un oligopolio enerxético “disfrazado de verde” e unha veciñanza privada de participación conforman o caldo de cultivo perfecto para o novo ‘boom’ da enerxía eólica que vive Galicia. As compañías enerxéticas pisaron o acelerador, sobre todo nos dous últimos anos, ata superar a cifra de 130 parques eólicos en tramitación no territorio galego, a pesar de que este xa se sitúa como o segundo produtor de enerxía eólica do Estado con máis de 4.000 aeroxeradores instalados ao longo de 100 concellos galegos, segundo os datos recollidos no manifesto ‘Aldeas con horizonte’.

Paneis fotovoltaicos na Comunidade de Montes de Tameiga
Paneis fotovoltaicos na Comunidade de Montes de Tameiga | Fonte: CMVMC Tameiga

Ante a avalancha de proxectos renovables a gran escala, un cento de asociacións veciñais e ecoloxistas veñen alertando dos graves impactos deste modelo de desenvolvemento eólico sobre a riqueza paisaxística, forestal e patrimonial, sobre a economía rural, e sobre a propia saúde das persoas. Un modelo "colonial, insostible e cada vez máis antisocial", seguindo de novo o manifesto, cuxas protagonistas son as compañías que conforman o oligopolio enerxético e no que a participación cidadá queda totalmente desprazada.

Por iso, baixo o berro conxunto de 'Eólicas así non', as redes tecidas ao longo do país para paralizar este aluvión de eólicos esixen a formulación dun novo modelo de transición enerxética "xusto, democrático, colaborativo e eficiente", onde as persoas estean no centro das decisións e onde a enerxía estea preto das persoas. “Non queremos pasar dun modelo intensivo do carbón a un modelo intensivo da eólica para servir a intereses que non son os nosos”, deixaba claro neste sentido Jéssica Rey, integrante de ‘Salvemos a Comarca de Ordes’ e ‘Rede Galega por un rural vivo’, na convocatoria á manifestación do 5 de xuño. “Outra maneira, outra transición ecolóxica é posible”, reivindicaba. E como se materializa esoutra maneira? 

AS COOPERATIVAS ENERXÉTICAS

A ruptura co modelo fósil podería aproveitarse como oportunidade para promover o empoderamento cidadá fronte aos oligopolios enerxéticos, ou cando menos, isto é polo que apostan colectivos que xa traballan neste camiño paralelo. Aparecen entón figuras como as cooperativas enerxéticas e as comunidades enerxéticas locais, pezas que, como paradigmas da democratización e socialización da enerxía, cambiarían as regras do xogo a través da autoxeración e autoconsumo. As primeiras son xa unha realidade e as segundas están no camiño de selo.

Parque eólico de Greenalia. GREENALIA - Arquivo
Parque eólico de Greenalia. GREENALIA - Arquivo

"Pechar o carbón e meternos na burbulla das renovables é unha resposta que non vai no camiño correcto", di Pablo Álvarez.

As cooperativas medran con forza no Estado dende hai anos; é o caso da vasca 'Goiener', a cántabra 'Solabria', a valenciana 'Enercoop', a catalá 'Som Energia' ou a pioneira en Galicia 'Nosa Enerxía', “una entidade onde os socios e as socias se organizan para consumir os produtos e servizos que desexen, nas condicións que estas determinan”, tal e como se definen na súa páxina web. Os obxectivos de Nosa Enerxía pasan precisamente pola democratización enerxética e a busca dun novo modelo de desenvolvemento, segundo explica o seu vicepresidente, Pablo Álvarez. “Pechar o carbón e meternos na burbulla das renovables é unha resposta que non vai no camiño correcto. Desde a cooperativa apostamos por un modelo baseado no ben común, no respecto ao medio ambiente e sempre satisfacendo as demandas enerxéticas da xente”, lonxe de oligopolios.

Con xa 920 persoas socias e un total de 1000 contratos, maioritariamente de consumo doméstico pero tamén de concellos, empresas e entidades, Nosa Enerxía naceu no 2014 asentada sobre tres bases: a área de comercialización de fontes renovables, sendo esta enerxía procedente de “sitios sostibles e que cumpren coa normativa”; a área de xeración - mediante proxectos de desenvolvemento de enerxía fotovoltaica que “empoderen a masa social” co obxectivo de chegar a producir o 100% da enerxía que precisan as persoas socias -; e a área social e verde, con propostas para axudar a sociedade e colectivos na “busca do ben común”. 

"Hai tecnoloxía para ser autosuficientes. Xa non é preciso depender de Fenosa. Se a xente non quere ser cómplice deste sistema, a alternativa está en apostar por un modelo de cooperativa enerxética".

Este cambio de enfoque supón rachar cun modelo “acumulativo” que replica coas eólicas as fórmulas de construción dos encoros nas décadas dos 50, 60 e 70. Álvarez aposta, por exemplo, por aproveitar as grandes superficies industriais "que xa están aí" para instalar paneis fotovoltaicos e xerar enerxía de forma controlada e con menor impacto. “Hai tecnoloxía para ser autosuficientes”, remarca. “Temos que facernos conscientes de que xa non é preciso depender de Fenosa ou do modelo enerxético antigo. Se a xente non quere ser cómplice dese sistema, que está composto polos mesmos de sempre disfrazados de verde, a alternativa está en apostar por un modelo de cooperativa enerxética onde es copropietaria da túa propia compañía; e por comunidades enerxéticas dentro das diferentes fórmulas. Temos que ser coherentes e en canto vexamos alternativas ir por elas. Desde aquí podemos traballar. As palabras xa non serven. Serven os feitos”. 

COA ENERXÍA NAS MANS DAS PERSOAS

Á parte das cooperativas enerxéticas, que avanzan no camiño da produción ademais da distribución, existe a figura das comunidades enerxéticas locais, que está collendo forma en Galicia, cando menos, con dous proxectos a un lado e a outro da ría de Vigo: MoañaSolar e a comunidade enerxética local da Comunidade de Montes de Tameiga. Segundo a definición proposta por comunidadesenergeticas.org, web da cooperativa navarra E+P, estas son "entidades xurídicas, formadas por unha agrupación de socios (como persoas físicas, asociacións, pemes, administracións públicas…), que voluntariamente e con participación cooperativa, establecen os seus obxectivos na obtención de beneficios enerxéticos, sociais, medioambientais e económicos, para os membros dunha comunidade ou terceiros".

Na actualidade, agás algunhas experiencias concretas, no marco do Estado estas comunidades atópanse nunha fase temperá de implantación, posto que a lexislación aínda non está desenvolvida. Segundo un recente estudo de Amigos da Terra sobre o potencial das comunidades enerxéticas no Estado Español, a creación dunha comunidade por cada municipio rural e 1,4 por cada municipio urbano poderían cubrir o 100% da demanda eléctrica dos sectores doméstico e terciario de España no 2030. Como? "A través dun mix enerxético de fotovoltaica, mini eólica e biomasa a pequena escala, que se implementaría segundo os recursos e condicións da poboación". O informe pon especial atención no potencial destas comunidades no ámbito rural, onde, especifica, a participación das mulleres como suxeitos do cambio é "chave para que a transformación enerxética sexa unha realidade".

"MoañaSolar nace da necesidade de producir enerxía cerca de onde se consome e do enfado pola forma de actuar do oligopolio enerxético", di Víctor Pastoriza.

Ao longo do Estado xa se impulsaron proxectos pioneiros neste sentido: está, por exemplo, a comunidade enerxética 'Hacendera Solar', nunha vila de Soria; ou o primeiro muíño de vento popular do sur de Europa nun pobo de Cataluña. Aquí en Galicia, este modelo chamou a atención dun grupo de veciños de Moaña que decidiron montar unha asociación "preparatoria", MoañaSolar, para botar a andar a comunidade en canto sexa posible. Víctor Pastoriza, o seu secretario, non ten "ningunha dúbida" de que a transición enerxética debe tirar por este camiño. Co apoio do concello e das tres comunidades de montes de Moaña, esta asociación traballa cos obxectivos de "organizar a contratación colectiva de instalacións fotovoltaicas e combater a pobreza enerxética". "Moaña ten unha orientación marabillosa e podemos aproveitar gran cantidade de horas solares", relata Pastoriza, que conta un total de 50 persoas interesadas no proxecto.

Segundo indica, este proxecto nace da "necesidade de producir enerxía cerca de onde se consome" unida ao "enfado pola forma de actuar do oligopolio eléctrico". A pandemia da Covid supuxo un pequeno freo no proceso de difusión da iniciativa, mais confía en que o próximo 2022 sexa o ano clave para MoañaSolar. Por último, e de cara ao desenvolvemento destas iniciativas por todo o país, Pastoriza fai un chamamento especial ás comunidades de montes: "Realizan un labor fundamental de conservación do que é de todos. Nós pensamos que están chamados a xogar un papel importante no novo escenario das enerxías renovables", sentenza.

COMUNIDADES DE MONTES, COMUNIDADES ENERXÉTICAS "CENTENARIAS"

De feito, estas comunidades de montes son, en certo modo, comunidades enerxéticas "centenarias" a través da xeración de enerxía mediante a xestión comunitaria dos produtos forestais. Neste sentido, as máis de 2.900 comunidades de monte veciñal ao longo de Galicia poderían ser a base sobre a que impulsar fortes comunidades enerxéticas. "Este é o noso potencial", indican desde Nosa Enerxía. "Intentamos empoderar as comunidades de montes, que están sendo moi perseguidas, para que sumen aos seus proxectos a xeración enerxética con fotovoltaica; así os comuneiros poden obter enerxía a mellor prezo", di Álvarez.

Precisamente esta é a intención da Comunidade de Montes de Tameiga en colaboración con Nosa Enerxía. Gonzalo Pérez, o seu coordinador, relata que levan 15 anos "collendo leña de eucalipto do monte, rachándoa e trasportándoa á casa das persoas comuneiras a un prezo asequible. Esa biomasa substitúe o petróleo ou o gas". Agora, que esas zonas de eucalipto están sendo repoboadas con especies autóctonas, e ao ver que as instalacións da comunidade daban lugar a "facturas moi avultadas", decidiron apostar pola fotovoltaica.

"Producir a nosa propia enerxía é o máis sostible e eficiente a longo prazo, e sen grandes infraestruturas", asegura Gonzalo Pérez.

Así pois, contan con 25 kilovatios instalados e están a piques de rematar outro conxunto de placas coas que poderían producir, en total, entre 80 e 100 kilovatios. Con todo, "a Xunta non autoriza a verter esta enerxía á veciñanza e poder compensar excedentes, polo que a instalación está producindo só a metade do que pode", relata o coordinador, que tamén denuncia que o feito de que a administración non atenda estas peticións de envorcado "desincentiva que a xente formule estes proxectos". Á espera, logo, de que a lexislación os ampare, a Comunidade de Montes produce enerxía para as súas propias instalacións, "o máis sostible e eficiente a longo prazo, e sen grandes infraestruturas como as megatorres eólicas", que seguen o ronsel dun "modelo que vai en contra do que pide Europa", sostén. 

REDUCIR A POBREZA ENERXÉTICA

Cambiar o modelo eléctrico tamén se ergue como unha das solucións á pobreza enerxética, que afecta máis de 87.000 familias galegas que teñen que acollerse ao Bono Social Eléctrico. Ante a tendencia alcista no prezo da luz, e recén estreada unha nova factura eléctrica que xera controversias, as cooperativas e comunidades reafírmanse como un modelo "que non persegue o lucro" e que facilita "a colaboración coas familias que o precisen, dende a proximidade", destacan. "A parte social sempre está presente. A fisolofía é autoxestionarse e colaborar, non machacar", sentenza Pérez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta