Máster habilitante: unha fábrica de alumnos da privada no propio sistema público

A escaseza de prazas nestes cursos, necesarios para opositar, obriga a moitos alumnos a pagar taxas de ata 4.000€ en universidades privadas. A Xunta sostén que as universidades non piden ampliar a oferta, pero estas opinan distinto.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/07/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A aprobación inminente da lei que recoñecerá a universidade de Abanca pon sobre a mesa o vello debate da privatización do ensino. Como tamén adoita acontecer no caso da sanidade, as olladas críticas ante o desmantelamento do público non se centran só no que hai máis alá del --a competencia--, senón nas propias deficiencias que o sistema arrastra e remata por empurrar os consumidores á alternativa privada.

Estudantes de bacharelato realizan no IES Vilar Ponte os exames Selectividade ou Probas de Acceso á Universidade PAU ou ABAU- en Viveiro, xuño de 2020. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Estudantes de bacharelato realizan no IES Vilar Ponte os exames Selectividade ou Probas de Acceso á Universidade PAU ou ABAU- en Viveiro, xuño de 2020. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

 

Os másteres habilitantes son un bo exemplo de como o sistema estatal, ás veces, exerce de auténtico impulso para a empresa privada ante a falta de financiamento ou implicación por parte dos entes responsables. Estes mestrados distínguense do resto da súa categoría porque son necesarios para opositar a unha praza pública. De aí que, para moitos estudantes, sexan un trámite obrigatorio; que algúns deles se ven obrigados a cumprir na universidade privada.

 

O problema, con todo, non está nos prezos. Galicia é a CCAA coa universidade máis accesible de todo o Estado, cun prezo medio de 11’89€ por crédito. Isto significa que un máster habilitante de 60 créditos custaría apenas 835€, fronte aos máis de 4.000€ que hai que desembolsar para acceder á formación dun centro privado. 

 

A cuestión está nas prazas. Malia ser tan baratos, os mestrados habilitantes do sistema universitario galego dan cabida apenas a un de cada catro estudantes que solicitan entrar nelas; o 23’49%, de acordo cun estudo publicado pola CIG o pasado mes de marzo. A dificultade multiplícase naquelas carreiras con alumnos que entran pensando directamente na oposición de profesorado; como Historia ou as filoloxías. É aí onde un remata os seus estudos superiores e logo decátase de non poder seguir a senda escollida sen abrir o peto.

 

UN CURSO PARA 17 CARREIRAS

 

A baixa taxa de entrada da que dá conta o estudo da CIG vese agravada porque no SUG hai moitos menos mestrados que carreiras. Este desaxuste queda patente en que, por exemplo, o curso habilitante en linguas e literaturas da USC pode recoller alumnos que superaran un total de 17 graos. En total, serían 60 prazas a repartir entre varios centos de estudantes. Só Filoloxía Galega, Hispánica, Inglesa e Xornalismo suman xa 200.

 

A outra cara da moeda está en que son moitos os alumnos que, ante a dificultade de entrada, optan por repartir solicitudes en distintas carreiras, provocando unha inflación de solicitudes que destacan tanto a Consellería de Educación como as universidades consultadas. As culpas desta oferta --que a CIG define como “raquítica”-- repártense, precisamente, entre estes dous entes públicos, encargados de xestionar o número de prazas da ensinanza superior.

 

XUNTA OU UNIVERSIDADES?

 

Sobre o papel, a dotación da universidade galega resólvese nun diálogo entre as vicerreitorías de titulacións das tres universidades galegas e a propia Consellería de Educación. O problema é determinar quen toma a iniciativa. Suso Bermello, secretario xeral de CIG-Ensino, subliña que estas prazas veñen limitadas “pola imposición da Xunta”, pero esta nega ter tal responsabilidade no proceso. “A Consellería non establece ningunha limitación á hora de solicitar prazas [por parte das universidades]”, apuntan dende Educación, que aseguran ter aceptado “integramente o cen por cen das solicitudes” remitidas polas universidades.

 

A Xunta publicou, no pasado mes de maio, a oferta de prazas o curso vindeiro; entre as cales non se incluía a ampliación dun só máster habilitante. Galicia Confidencial contactou coas tres universidades galegas, e as dúas que achegaron resposta --USC e UVigo-- admitiron non ter solicitado unha ampliación para este tipo de cursos. Con todo, a vicerreitora de Titulación da USC, María José López Couso, destaca que a Consellería si ten atribución á hora de poñer estes límites, aínda que non sexan expresos. “A oferta de prazas de prácticas que se fai dende a Consellería [...] condiciona o volume de prazas dispoñibles nas distintas especialidades do mestrado”. Noutras palabras, que se a Xunta non dá espazo aos estudantes de máster nos seus centros públicos dificilmente poden as universidades pedir máis prazas. 

 

FORMACIÓN A DISTANCIA NA PRIVADA

 

En calquera caso, a problemática da oferta destes mestrados dé unha cuestión latente nos tres campus de Galicia. En particular, as carreiras enfocadas á ensinanza rematan cun bo número de alumnos forzados á súa particular emigración, que ben pode implicar marchar a outra comunidade autónoma --onde os prezos son máis altos-- ou ter que enfrontar a custosa matrícula dunha privada.

 

Esta última iniciativa amósase máis cómoda porque, en boa parte dos casos, contempla exclusivamente aulas telemáticas; circunstancia que, a ollos de Bermello, dá conta dunha formación “máis ben xustiña, por non dicir pobre”. Non pensa igual Santiago, que en 2020 rematou Historia da USC e agora está a cursar o mestrado habilitante dende a casa: “ou me organicei moi mal eu ou dan moito traballo”, destaca.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta