Berro de auxilio dos pequenos produtoras galegos de castaña polas malas colleitas

Piden axudas económicas a productores, a conceptualización de “souto tradicional” para diferencialo de soutos de nova e recente plantación e campañas publicitarias para desestacionalizar o seu consumo.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 21/10/2023 | Actualizada ás 20:16

Comparte esta noticia

A metade das castañas colleitadas na Galiza destínanse ao consumo en fresco e a outra metade ás industrias de transformación para o seu pelado e conxelado ou para a elaboración de produtos como fariñas, cremas e confituras. En postos de traballo, estímase que este sector supera os 500 empregos directos e os 800 indirectos, con máis de 230.000 xornadas de recolleita.

Castañas
Castañas | Fonte: wikipedia

Concellos como Vilardevós, Manzaneda ou Courel e as súas comarcas son dos principais produtores de castaña do país. "A castaña é un froito de excelente calidade nestas terras e un complemento fundamental para a economía das familias e tamén para a alimentación de persoas e animais", indican desde Interior Galego Vivo.

Con todo, nos últimos anos, debido a varios factores, faise evidente un problema coa produción da castaña polo abandono dos soutos, o abandono rural, envellecemento da poboación, baixos prezos e diversas pragas e enfermidades.

O 80% da superficie galega de castiñeiros (e a práctica totalidade dos soutos tradicionais) atópanse nas comarcas da Fonsagrada, O Courel, Sarria, Lemos, Chantada Valdeorras, Verín, Trives e Viana, moitas delas aqueixadas dun forte avellentamento poboacional.

MAL ANO

Este ano 2023, comezou a campaña de recollida con esperanza entre as persoas produtoras, xa que despois de varios anos de recollida bastante malos, este ano agardábase unha boa produción e xente estaba esperanzada. Pero nestes últimos días a seca e a caída prematura da folla e dos ourizos estragaron as boas perspectivas.

Tamén sofren as comercializadoras. Segundo Interior Galego Vivo, Galicia adoita producir cada ano arredor de 20.000 toneladas de castaña, sendo líderes no Estado coa metade de toda a produción estatal, que, con todo, non chegan para abastecer a nosa industria. "Debe importar case 10.000 toneladas máis doutras zonas produtoras de España e Portugal para cubrir as súas necesidades ou de Italia, Turquía ou China. Esta ano a situación vai ser moito pior", critica.

Por iso, esta entidade pide axudas económicas a productores, a conceptualización de “souto tradicional” para diferencialo de soutos de nova e recente plantación e axudas e liñas de actuación para a recuperación de soutos tradicionais. Ademais reclaman campaña de promoción do produto orientada á desestacionalización e incremento do seu consumo e a pór en valor a IXP e garantir con controis máis estritos que as carnes co selo “de castaña” teñan unha alimentación maioritaria composta por fariña de castaña ou castaña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta