Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 23/01/2024 | Actualizada ás 21:20
O cambio climático ameaza todo ao noso redor. Sen ir máis lonxe, esta mesma semana unha masa de aire africano traerá consigo temperaturas propias do mes de maio (rondaremos os 20 graos) en pleno xaneiro, cando debería estar xeando. Ademais, tamén é preciso fixarse en que a forma de chover cambiou: menor duración e máis intensidade, de xeito case torrencial. Todo isto afecta á nosa biodiversidade e está a supoñer un problema, especialmente, para os mariscadores, que vén como os bivalvos non son quen de sobrevivir a estes cambios acusados de tempo. Rula Domínguez, técnica de investigación do grupo Ecoloxía Costeira da Universidade de Vigo (UVigo), asegura que "a mortaldade dos bivalvos vinculada ás chuvias torrenciais, encadradas estas dentro do cambio climático, é algo que preocupa, e moito".
E é que se a cousa xa está mal no presente, as previsións de futuro son aínda peores. "A nivel europeo todas as previsións que fan as institucións coinciden en que na zona costeira na que estamos van aumentar as vagas de calor, é dicir, van ser máis frecuentes, van ter unha maior duración no tempo e unha maior intensidade", indica Domínguez. Pola súa banda, "as precipitacións e as chuvias durarán máis tempo e serán máis intensas en outono e inverno". A pesares de todo, hai quen sigue a dicir que o cambio climático non se nota, pois hai anos nos que vai moito frío. A eles, a investigadora explícalles que "se collemos a serie histórica dende 1900 ata 2005 vemos que hai anos que si son máis fríos que a media, pero a tendencia, mírese a onde se mire, é a aumentar: a temperatura está subindo".
E todos os científicos coinciden en que "seguirá aumentando ata 2100 alo menos". Cal é o problema dese incremento? Que non se produce de xeito gradual, dando tempo aos organismos a adaptarse a el, senón de súpeto. "Van aumentar as vagas de calor, é dicir, aumentarán de xeito esaxerado as temperaturas de súpeto, no verán e na primaveira xa o están a facer; e as chuvias torrenciais tamén aumentarán, en outono e algo do inverno aumentarán as choivas intensas, algo que xa estamos a ver en Galicia", apunta Domínguez, que engade que "os animais non están preparados para iso, se a subida é paulatina pódense adaptar, pero a cambios moi bruscos non teñen tempo de facelo".
A AMEIXA BABOSA E A FINA, EN CAÍDA LIBRE DENDE OS ANOS 2000
Proba diso, segunda evidencia, é que "as capturas de especies de bivalvos a nivel Galicia, dende os anos 90 ata agora, estanse a reducir". Por especies: "O berberecho fluctúa un montón, cuns anos moi bos e outros moi malos, porque é unha especie que ten unha capacidade de recuperación maior que as outras e porque ten unha taxa de crecemento moi rápida; a ameixa xapónica sempre estivo en aumento, pero non porque sexa máis resistente, senón porque se sementa máis, é algo que ten que ver con cousas do mercado, non só coa bioloxía; a ameixa babosa tivo unha caída moi grande a comezos dos anos 2000, non recuperou e semella que vai a menos; e a ameixa fina tamén vai a menos". Ademais, Domínguez apunta que "houbo chuvias moi fortes nos anos 2000 e 2001 e vese que tras iso todas as especies baixaron fortemente; e no 2006 houbo unha vaga de incendios forte e as chuvias levaron as cinzas cara as rías, contaminándoas e provocando a morte de especies".
Baseándose nesta asociación que semellaba haber entre as propias especies e os eventos meteorolóxicos, dende a UVigo levaron a cabo experimentos para constatar como se verán afectadas as diferentes especies de bivalvos polo cambio climático no futuro (e xa non no futuro, senón no presente, porque é unha realidade que xa está con nós). O primeiro importante a ter en conta é que non todas as especies viven á mesma profundidade na area, polo que "dependendo da profundidade a meteoroloxía afectaralles de forma moi diferente". Así, a investigadora apunta que "o berberecho vive máis na superficie; a ameixa fina sotérranse moitísimo, puidendo chegar ata a 20 centímetros, aínda que hai que ter en conta que as que se soterran máis fondo teñen unha menor tasa de filtración e, polo tanto, un crecemento máis lento, mentres que o berberecho medra a moita velocidade, por iso hai tanto e se recupera mellor".
Outra implicación do soterramento é que "se gasta enerxía, polo que as que están máis fondas teñen menos enerxía para medrar, porque a gastan en soterrarse". E, a maiores, algo positivo é que "a máis profundidade poden escapar das vagas de calor e dos depredadores, de xeito que un cangrexo pode coller un berberecho, pero non unha ameixa fina". Partindo destas premisas, os experimentos da UVigo pasaban por simular diferentes rangos de salinidade (como se houbese mareas), collendo uns cantos bivalvos, e mirando canto respiraban e se soterraban ante diferentes cambios no tempo, incluíndo vagas de calor. En concreto, tomaron como referencia as salinidades que acontecen no campo do Sarrido (Cambados), na desembocadura do río Umia, pero bastante comúns ao resto de Galicia.
ALERTA ANTE SALINIDADES POR DEBAIXO DE 15 E TEMPERATURAS DE MÁIS DE 32
Cales foron os resultados? "Atopamos que ante a baixada de salinidade a ameixa babosa e o berberecho eran as especies máis afectadas, xa se chovía de dous a seis días se vían perxudicadas, e con baixadas de salinidade que non superasen o 5, cando nas rías mesmo se pode chegar ao 0, á auga doce, porque cando os encoros desaugan, por exemplo cando o río Ulla desauga, é fácil que chegue a cero, abren as comportas e vai toda a auga doce enriba das ameixas, e se iso pasa moitos días aféctalles, porque se pechan e deixan de filtrar, e se pasa durante meses, en todo ese tempo non están crecendo, gastan enerxía para defenderse, para sintetizar proteínas, teñen cambios na reprodución e vense máis vulnerables aos depredadores", apunta Domínguez. Pola súa banda, "coas vagas de calor ao berberecho baixáballe máis o potencial de cremento, o da fina sempre baixa menos porque xa é baixo de por si, ao estar soterrada máis fondo".
No experimento tamén detectaron cal é a salinidade por debaixo da cal empeza a haber efectos negativos sobre as diferentes especies de bivalvos: 15; e a temperatura: a partir de 32 graos de temperatura do sedimento. Como explica a investigadora da UVigo, "a idea do proxecto era crear unha ferramenta de predición semellante aos modelos de MeteoGalicia, que nos dixese que vai chover en tres días e nos dese información de satélite sobre a salinidade da auga, o ideal sería información concreta de cada banco marisqueiro; collendo esa información ambiental e a dos experimentos que fixemos dos límites de salinidade e temperatura para cada especie sairía unha alerta: se vai chover tanto na zona de Noia, por exemplo, alerta vermella". "A idea era poder crear unha ferramenta que axudase a analizar un pouco mellor o marisqueo", conclúe Domínguez.
Ademais, para Domínguez "sería interesante e necesario poder ter unhas medicións concretas de cada banco marisqueiro, non de cada ría, senón de cada banco, poder caracterizalos, saber que nuns inflúe unha cousa e noutros outra para poder actuar sobre iso e predecir o que pode pasar". Por outro lado, ve preciso que "os investigadores fagan máis experimentos de campo, para entender mellor o que pode pasar, porque no laboratorio intentas simular o que pode pasar, pero no lugar concreto podes estudialo mellor". Tamén recomenda aos mariscadores que "diversifiquen as especies que se sementan, non se pode botar todo a unha carta, porque en moitos sitios botan só xapónica, porque é máis resistente, pero tamén pode morrer por vagas de calor". Por outra banda, pide "dar unha maior proteción aos bancos marisqueiros ante todo tipo de contaminación, das industrias, urbana, agrícola, dos encoros...". E, finalmente, aposta por realizar "un seguimento de especies invasoras, porque cando metes unha especie nova nas rías pode alteralas moito, e na ría de Arousa teñen moitos problemas con iso".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.