Especies invasoras: orella de gato, unha planta que se espalla preto dos ríos como por arte de maxia, sen sementes

O seu nome provén da forma da súa flor, con tres pétalos brancos rematados en punta, que recordan ás orellas dos gatos. Como conta a Galicia Confidencial o investigador Jonatan Rodríguez nunha nova entrega da serie de especies invasoras, é todo un enigma, pois "nun principio as flores que aparecen en Galicia poderían ter a posibilidade de ser polinizadas e producir froitos, pero nunca se viu ningún froito con sementes, todas abortan".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 06/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Dos creadores do nome de uña de gato (Uncaria tomentosa ou Carpobrotus edulis), en Galicia está a proliferar outra planta cuxo nome popular tamén é unha parte do corpo dos felinos, neste caso: orella de gato (Tradescantia fluminensis). Ao igual que acontece coa uña de gato, a orella de gato tamén se trata dunha especie moi fermosa, que medra a ras do chan e que dá unhas flores blancas con tres pétalos rematados en punta que, precisamente, recordan ás orellas dos gatos, de aí o seu nome. Trátase dun exemplo máis de como unha especie invasora pode pasar desapercibida para a poboación ou mesmo ser considerada unha planta ornamental polo bonita que é. Dende o Galicia Confidencial continuamos coa nosa serie sobre especies invasoras en Galicia coñecendo máis en detalle de onde provén, como prolifera e cales son os principais perigos da Tradescantia fluminensis, da man do investigador do CRETUS da Universidade de Santiago (USC) Jonatan Rodríguez.

Orella de gato
Orella de gato | Fonte: Arquivo

A Tradescantia fluminensis tamén é coñecida con outros nomes ademais de orella de gato: amor de home, desgraza, flor de Santa Lucía branca, herba de araña errante, lingua da muller, pamplinas, 'quesadillo' ou herba da fortuna. Sobre a súa procedencia, Rodríguez explica que a planta provén da zona do Brasil, Uruguai e Arxentina, "do lugar onde converxen os tres países". Foi introducida en Europa no século XVIII como planta decorativa (en Galicia o primeiro dato da súa presenza está rexistrado en Tui no ano 1949), pero cedo saltou dos xardíns a zonas onde non está controlada, zonas silvestres. Con todo, a día de hoxe, e aínda que está prohibida a súa venda, segue sendo planta ornamental en moitas casas e pode verse en macetas colgantes. Nalgúns países, a pesares de que non é o caso de Galicia, o extracto das súas follas é usado de xeito menciñal como colirio e mesmo para cicatrizar feridas. Ademais, a Sociedade Americana para a Prevención da Crueldade cara os Animais clasifícaa como lixeiramente tóxica para cans e gatos.

A súa forma de expansión en Galicia é, canto menos, curiosa, e a día de hoxe aínda un enigma para os investigadores. E é que, como apunta Rodríguez, "é unha especie clonal, é dicir, pódese reproducir vexetativamente con facilidade e non se coñece que produza sementes no noso territorio". De feito, afirma que "en toda a Península Ibérica esta especie reprodúcese principalmente por clons, ou sexa, por pugas (pequenos anacos de talo que poden emitir raíces facilmente), pois nunca se lle viron sementes". Deste xeito, cando se observa na paisaxe unha 'mancha' de orella de gato "seguramente se tería formado por pugas". Tal e como confesa o investigador, "non se sabe de onde saiu esta planta nin como chegou aquí", nin "por que aquí non dá sementes", xa que, "nun principio as flores que aparecen en Galicia poderían ter a posibilidade de ser polinizadas e producir froitos, pero nunca se viu ningún froito con sementes, todas abortan".

'MANCHAS' NOS RÍOS QUE DESEMBOCAN NA RÍA DE AROUSA, MUROS E NOIA

Así mesmo, trátase dunha especie perenne, o que quere dicir que, ao igual que acontece coa uña de gato, pode verse con follas durante todo o ano, e tamén é rastreira, crecendo e expandíndose a ras do chan. Aínda que a diferenza do que acontecía coa uña de gato, á orella de gato non lle gustan tanto as zonas costeiras onde da directamente a luz do sol, senón "as zonas de sotobosque, preto dos ríos, moi húmidas e sombrías". Rodríguez destaca que esta, precisamente, é unha das súas habilidades, "a capacidade que te de sobrevivir con moi pouquiña luz". Ademais, gustándolle tanto a humidade, é lóxico que se tivese adaptado tan ben aos ecosistemas galegos, pois "alo menos polo de agora está chovendo o suficiente como para que estea cómoda, e as zonas preto dos ríos seguen a ser moi húmidas e sombrías, polo que non resulta extraño atopala". Florece principalmente durante a primavera e o verán.

Orella de gato
Orella de gato | Fonte: Arquivo

Máis en concreto, en Galicia, segundo explica o experto, que se atopa inmerso nun proxecto da Fundación Biodiversidade para atopar métodos de control desta especie en Outes, pódese atopar en toda a zona da comarca de Noia, sendo moi común en Outes, municipio a uns 30 minutos de Santiago en coche. Aínda que tamén na capital galega está presente na zona do río Sarela, no sotobosque; e tamén nos ríos Ulla e Tambre. Polo xeral, Rodríguez apunta ás zonas de ríos que van dar ás rías de Arousa, Muros e Noia, porque "son lugares bastante húmidos e iso fai que a orella de gato prolifere moito". Fóra destes lugares, indica que tamén no sur da provincia de Pontevedra aparece bastante, sendo moi abundante na cidade de Vigo.

TRÁBALLASE COA HIPÓTESE DE QUE ALTERA O CHAN NO QUE SE INSTALA

Pero por moito que se trate dunha especie invasora, se non fai dano, non habería de que preocuparse, non? O problema está en que calquera esspecie que non é propia dos nosos ecosistemas vainos a danar, pois estase a introducir un elemento externo en lugares que xa tiñan unha biodiversidade perfectamente adaptada, que convivía e se retroalimentaba para manter o equilibrio, e estase a meter unha especie sen os seus atacantes naturais. Neste caso, como no das outras especies invasoras das que falamos en anteriores entregas desta serie, Rodríguez asegura que "o dano principal que causa aos ecosistemas, polo que coñecemos ata o de agora, é a competencia polos recursos". "É unha planta que medra moi rápido, ocupa o espazo e despraza ás demais por competencia directa pola luz, a auga e os recursos que poida haber no chan", explica o investigador, que o resume como: "Se eu estou aquí, ti non podes estar tamén, porque non tes a posibilidade de sobrevivir se eu che quito os recursos para poder facelo".

Tirando dunha metáfora, e salvando as distancias, o que fai a orella de gato é "asfixiar ás demais plantas, pois estando por enriba delas fai que estas non poidan sobrevivir". Dende o equipo de investigación de Rodríguez están agora tratando de estudar o efecto que a Tradescantia fluminensis ten sobre o solo no que se instala. Por exemplo, "no caso da uña de gato coñécese que, cando está establecida nunha zona, como poden ser as dunas, onde hai moi pouca materia orgánica, altera a cantidade de nutrientes, modifica o pH e modifica tamén os niveis de carbono e nitróxeno, favorecendo o aporte de materia orgánica a ese solo", polo que "se hai unha especie adaptada a vivir con poucos recursos e, de súpeto, atópase con eses cambios no chan, onde hai moita máis materia orgánica e máis humidade, esa planta igual non é quen de sobrevivir, porque está adaptada a outra cousa".  Coa orella de gato os investigadores sospeitan que pode acontecer algo semellante e traballan coa hipótese de que podería estar alterando o solo no que se instala, tanto a nivel de nutrientes como no pH e os propios microorganismos que habitan nel.

ARRINCALA É DOADO, PERO CALQUER ANACO PODE DAR LUGAR A OUTRA PLANTA

Para desfacerse dela, ao contrario que o que sucedía coa mimosa ou coa cortadeira, e semellante ao que ocorre coa uña de gato, sería suficiente con tirar e arrincala, pois, como indica o investigador da USC, "rómpese con facilidade, así que podes tirar dos estolóns, que son os talos co grupo de follas, e sacala, desenraizándoa". Deste xeito, podería parecer que o seu control é sinxelo, pero hai outro problema: "ao romperse con facilidade, fragméntase con facilidade, entón con que quede algún trociño da planta con brote, ou un par de follas no chan das que non te deas conta, volve enraízar moi facilmente e, ao final, nun ou dous anos tras arrincala, pode volver estar como estaba antes". Isto supón un problema nas zonas onde xa está moi instalada, pois sacar unha 'mancha' completa de orella de gato non é tarefa sinxela, non polo difícil de arrincala, senón porque é quen de enraízar e invadir o terreo con moita facilidade e partindo dunha parte doutra planta moi pequena.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta