Por E.P. | LUGO | 26/08/2024 | Actualizada ás 16:23
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable anunciou este luns a licitación dun estudo de viabilidade para a conexión ferroviaria de maneira directa entre as cidades de Lugo e Santiago a través dunha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico de Alta Velocidade.
A redacción do estudo, que saíu a concurso por un importe de 423.500 euros e que persegue, segundo o Ministerio, o obxectivo de definir un novo trazado capaz de "renovar e modernizar" a conexión ferroviaria entre Lugo, a capital de Galicia e as principais cidades da cornixa atlántica, constará de dúas fases.
A primeira estará centrada en analizar a mobilidade no ámbito da capital lucense para poder avaliar os fluxos de viaxeiros, determinar as necesidades da poboación e establecer o nivel de demanda de novos servizos de transporte na cidade amurallada e a súa contorna de influencia.
Durante a segunda traballarase directamente na caracterización do trazado a través dunha nova variante entre a liña León-A Coruña e o Eixo Atlántico de Alta Velocidade á vez que se procederá a avaliar os traballos de acondicionamento necesarios na liña ferroviaria xa existente.
Finalmente, precisou o Ministerio, analizarase a conveniencia das alternativas propostas en base a "un estudo de rendibilidade socieconómica" que tomará en consideración "a demanda e os tempos de viaxe previstos".
O estudo de viabilidade, que vén dar resposta a unha demanda antiga da cidadanía lucense, encádrase dentro das actuacións previstas desde o Ministerio de Transportes para modernizar a rede ferroviaria galega mellorando algúns "trazados centenarios" que impedían, indicaron, o desenvolvemento de "conexións eficaces" e que se traducían nunha "baixa competitividade" do ferrocarril en relación a outros medios de transporte.
PSOE E BNG CELEBRAN O ANUNCIO
As reaccións ante o anuncio da licitación do estudo de viabilidade ferroviaria entre Lugo e Santiago non se fixeron esperar. O presidente da Deputación Provincial de Lugo, o socialista José Tomei, cualificou a noticia como unha mostra do "compromiso firme" do Goberno de España coa "modernización das comunicacións en Galicia" e como unha "aposta por mellorar a conectividade de Lugo" coas demais cidades do eixo atlántico.
"Este estudo supón un salto cualitativo nas infraestruturas ferroviarias", subliñou Tomei, para quen conectar a capital lucense coas principais cidades da cornixa atlántica antóllase unha "ferramenta crave", asegurou, para "mellorar as comunicacións, facilitar a mobilidade sustentable e impulsar o desenvolvemento económico, turístico e social" da provincia de Lugo.
Igualmente satisfeito co "avance" pero máis crítico coa xestión do Executivo central en materia ferroviaria mostrouse, pola súa banda, o portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, que definiu como unha "boa noticia" o estudo de viabilidade anunciado, pero que alertou do "importante atraso" no que segue sumida ao seu xuízo a provincia en materia de conexións por ferrocarril.
"Pedimos que xunto coas melloras nas infraestruturas retómese o servizo das liñas eliminadas nos últimos anos", manifestou o tamén tenente de alcaldesa do Concello de Lugo, que instou ao Goberno central a "planificar mellor os investimentos ferroviarios" na provincia. "Lugo segue sufrindo unha histórica discriminación en canto investimentos que se traducen nun déficit en infraestruturas", finalizou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.