Volverá haber unha pandemia? "Os científicos agardábamos que acontecese algo coa gripe aviar, pero non cun coronavirus"

Entre o 2 e o 5 de setembro a cidade de Santiago de Compostela acolle o XVII Congreso Nacional de Viroloxía para abordar os retos aos que se afrontan actualmente os científicos cos virus, entre eles, o cambio climático e a globalización. O GC fala co seu organizador, Jesús López Romalde.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/09/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Coronavirus, gripe aviar, febre hemorráxica Crimea-Congo, dengue, zika, ébola, malaria, varíola do mono... Todas elas son enfermidades que teñen dúas cousas en común: son causadas por virus e puxeron, e algunhas delas seguen a poñer, ao ser humano contra as cordas, causando ducias, centos ou milleiros de mortes. Ante un escenario cada vez máis complexo, no que as fronteiras entre países xa non supoñen unha limitación para a mobilidade dos virus a nivel internacional e no que os efectos do cambio climático están a favorecer a proliferación destes seres, xa se fala entre a comunidade científica de que realmente a supervivencia da especie humana pode verse condicionada polos virus. Tamén é certo que cada vez hai máis avances para detectalos de xeito temperá e máis medios para loitar contra eles, pero... Será isto suficiente? Dende o Galicia Confidencial, e con motivo da celebración estes días en Santiago do XVII Congreso Nacional de Viroloxía, falamos de virus co seu organizador, o catedrático en Microbioloxía Jesús López Romalde.

Partículas do virus SARS-CoV-2, coloreadas en azul, nunha imaxe de microscopio de electróns.
Partículas do virus SARS-CoV-2, coloreadas en azul, nunha imaxe de microscopio de electróns. | Fonte: CDC - Arquivo

O primeiro que precisa López Romalde é que "non todos os virus son malos", pois nun momento no que temos tan recente a historia do SARS-CoV-2 (covid) e no que cada vez máis nos preocupa a evolución que está tomando o mpox (varíola do mono), semella que estes organismos son un perigo contra o que hai que loitar en calquera circunstancia. E iso é algo que non é de todo así, pois "tamén hai virus que resultan positivos para o ser humano, como algúns bacteriófagos, por exemplo, que nos están axudando moito como alternativa para tratar aquelas bacterias que se volveron resistentes aos antibióticos, un verdadeiro problema ao que nos enfrontamos na actualidade"; ou "virus sobre os que se está traballando como transportadores de fármacos a órganos diana, para que só actúen onde se precisa, usados como vectores". O que acontece, como con moitas outras cousas, é que "só nos chega a información sobre os virus cando causan problemas". Ademais, e tendo en conta as vidas que se perderon durante a pandemia do coronavirus, resulta comprensible para o investigador a animadversión xerada pola poboación xeral cara os virus.

A todo isto hai que sumar que o contexto actual no que nos atopamos como sociedade tampouco axuda, pois "estamos sumidos nun cambio climático que está mudando ou ampliando as áreas de distribución dos diferentes virus causantes de enfermidades", o que leva a que enfermidades como a febre do Nilo, a febre hemorráxica Crimea-Congo ou a varíola do mono cheguen ata as nosas latitudes. Esas viaxes dos virus tamén se vén favorecidas precisamente polas viaxes humanas, nun mundo no que a mobilidade é cada vez maior e no que a globalización é unha realidade tanxible. "Antes aparecía un brote dunha enfermidade nunha área xeográfica concreta e era moi difícil a súa transmisión a áreas xeográficas que estivesen moi alonxadas, pero agora, coa globalización e a alta mobilidade da xente, é moi fácil a transmisión rápida dos virus, co cal ese é outro dos desafíos que os científicos temos por diante", plantexa López Romalde.

SERÍA POSIBLE ACTUALMENTE PENSAR NA ERRADICACIÓN DALGÚN VIRUS?

De feito, a complexidade do escenario actual é tal que hai virus que mesmo collen desprevidos aos propios investigadores, como foi o caso, sen ir máis lonxe, do SARS-CoV-2. López Romalde asegura que "antes de que xurdise a pandemia da covid xa se agardaba que houbese algún problema cun virus", pero "o que non se agardaba era que fose cun coronavirus", pois ao final estes virus nunca foron moi preocupantes nin letais para os humanos. En concreto, o virus sobre o que recaían todas as apostas para que puidese chegar a causar unha pandemia de semellante magnitude era o da gripe aviar, "que está comezando a dar problemas agora". Así as cousas, "mentres os investigadores traballaban na gripe aviar baixo a perspectiva dunha posible epidemia, como en ciencia nunha é nada exacto, apareceu a pandemia do coronavirus", polo que "non estamos libres de que poida aparecer algún virus novo que, baixo determinadas circunstancias, se vexa moi favorecido e mesmo poida causar unha epidemia ou outra pandemia como vimos no caso do coronavirus".

Un test rápido de covid con resultado positivo
Un test rápido de covid con resultado positivo | Fonte: María José López - Arquivo

Deste xeito, e sumando cambio climático e mobilidade internacional como factores principais de expansión e proliferación dos virus, sería posible actualmente pensar na erradicación dos virus? O investigador lembra que "ata o de agora só temos un caso de erradicación dun virus, que foi o da varíola". Confesa que "tamén se está traballando arreo na erradicación do poliovirus, na que se ía avanzando moi ben e semellaba que xa se ía lograr, pero que sen embargo comezou a aparecer novamente nalgunhas zonas". A conferencia inaugural do congreso, a cargo da responsable do laboratorio de poliovirus do Centro para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC) de Estados Unidos, Cara Burns, tratou precisamente sobre a problemática deste virus. Isto é algo que para o investigador demostra que "non podemos baixar a garda".

OS VIRUS QUE MÁIS PREOCUPAN EN ESPAÑA SON O DA GRIPE AVIAR E O DA MPOX

Agora mesmo, en España, os virus da gripe aviar e da mpox son os que máis preocupan, pero aos investigadores tamén lles causa preocupación a chegada de novos vectores. "O cambio climático está favorecendo que aparezan no noso país cada vez máis vectores da febre do Nilo ou da febre hemorráxica de Crimea-Congo, é dicir, máis mosquitos e carrachas transmisoras desas enfermidades", explica o científico, que advirte de que "o aumento das temperaturas está facendo que se espalle a súa área de transmisión, o que fai que os virus poidan chegar a zonas nas que antes non había risco". Sen dúbida, para López Romalde, "este é un aspecto no que se debe traballar moito no futuro". Cousa que non é sinxela, pois non hai que esquecer que os virus son organismos que non se poden ver, invisibles a ollos humanos.

Ante esta situación, o importante, como destaca López Romalde, é "estar preparados para eses novos escenarios que están xurdindo, coñecer cales poden ser os virus con maior perigo para o ser humano, potenciar os estudos sobre diferentes tipos de virus e sobre novos tratamentos e vacinas e medidas de proteción fronte a eles". En resumo, "debemos prepararnos antes para o que poida vir no futuro". E, para iso, un congreso como o que acolle estes días Santiago é perfecto para "iluminarnos sobre os últimos estudos e avances que se están a levar a cabo sobre o terreo, para saber que está pasando verdadeiramente con todos eses virus nun escenario tan cambiante", así como "sobre os virus emerxentes que teñen máis bazas para chegar a dar problemas no futuro, para poder traballar sobre eles previamente a que se espallen".

"OS VIRUS EXISTEN DENDE ANTES QUE O SER HUMANO E NON É QUE AGORA HAXA MÁIS, SENÓN QUE TEMOS MÁIS E MELLORES SISTEMAS DE DETECCIÓN"

Outro punto de reflexión interesante sobre os virus é a sensación que hai na sociedade de que duns anos a esta parte hai moitos máis que no pasado. Ao preguntarlle ao investigador sobre esta cuestión, asegura que "os virus existen dende antes que existise o ser humano e non creo que haxa máis agora, o que acontece é que agora temos uns sistemas de detección moito máis sensibles e específicos, e iso fai que se poidan detectar ou clasificar novos virus máis facilmente, pero os virus levan aí moitísimo tempo, evolucionando igual que as outras especies, habendo mesmo casos de coevolución de determinados virus que buscan hospedadores". De feito, para non poñerse de acordo aínda os científicos en se os virus son organismos vivos ou seres inertes, semellan ata ter intelixencia, pola rápida adaptación dalgúns aos mecanismos de combate ideados polo ser humano, como se viu no caso da adaptación do SARS-CoV-2 ás vacunas e a súa evolución a diferentes cepas.

Como explica López Romalde, "cada virus ten o seu ritmo e especialmente os virus que se compoñen de ácido ribonucleico (ARN), evolucionan moi rapidamente e poden mutar máis que os virus que están compostos por ácido desoxiribonucleico (ADN)". Deste xeito, apunta que "cada virus leva o seu ritmo na evolución e aparición de novas variantes e, dependendo do virus do que se trate, haberá que tratalo cunhas estratexias ou outras". Sobre a cuestión de se os virus teñen vida ou non, o investigador confesa que iso é algo que aínda está moi discutido dende o punto de vista da filosofía científica: "Hai autores que defenden que son seres vivos, porque cando se están multiplicando dentro da célula é cando realmente expresan todo o seu potencial e cando están fóra dela adoptan formas de resistencia; e hai outros autores que din que non son seres vivos porque non teñen capacidade de crecemento nin estruturas celulares". "É un asunto moi complexo e aínda en moita discusión", conclúe.

"DEBERIAMOS TER APRENDIDO DA COVID, PERO CREO QUE HAI MOITA XENTE QUE XA ESQUECEU QUE FAI TAN SÓ CATRO ANOS HOUBO UNHA PANDEMIA"

De cara á posible chegada dunha nova pandemia no futuro, algo que todos os científicos dan por seguro que máis cedo ou máis tarde pasará, o investigador non se mostra de todo convencido de que a sociedade aprendese dos erros e dos acertos do covid: "Deberiamos ter aprendido, pero creo que hai moita xente que xa esqueceu que fai tan só catro anos houbo unha pandemia". Como di o refrán, o ser humano é o único animal que tropeza dúas veces coa mesma pedra, e ata tres, polo que "semella que se aparece outro problema as cousas que aprendemos no seu momento non as teremos moi presentes", algo que considera comprensible tamén, pois "é unha cuestión de supervivencia da especie", xa que "non podemos estar sempre con medo e vivindo en condicións que non son as normais para a nosa especie". Con todo, López Romalde aínda conserva a esperanza de que ao igual que contamos con sistema inmune que nos defende dos virus en base ao aprendido nos seus ataques previos, "tamén teñamos un sistema comportamental con capacidade de adaptación que nos permita ter aprendido medidas de prevención para evitar contaxios ante a chegada dunha nova pandemia".

O investigador lembra a importancia de que Compostela acolla este Congreso, despois de telo feito xa fai 16 anos, porque "en Santiago temos grupos de investigación de virus moi importantes a nivel autonómico, nacional e internacional". Entre os días 2 e 5 de setembro este congreso contará cos relatorios de importantes científicos como Antonio Alcamí, Ana Avellón Calvo, Teresa Aydillo, Cara Burns, María Josefina Carlucci, Rafael Delgado, Vitor Duque, Luis Enjuanes, Beatriz Escudero-Pérez, Ana Fernández Sesma, Federico García, Adolfo García Sastre, Ana Grande-Pérez, Joao R. Mesquita, Isabella Monne, César Muñoz Fontela, Rosa M. Pintó, Josep Quer, Jesús R. Requena, Irene Rivero, Antonio Rivero Juárez, Carmen San Martín, Mari Paz Sánchez Seco, Rafael Sanjuan, María del Mar Tomás, José Tubío, Ana Vázquez González ou Abel Viejo-Borbolla. Este martes, ademais, o evento conta cunha sesión de divulgación aberta ao público xeral entre as 18.30 e as 19.30 con dous divulgadores españois de primeira liña: Ignacio López-Goñi e Margarita del Val.

Jesús López Romalde, líder dunha investigación da USC sobre a presenza do covid-19 en augas residuais
Jesús López Romalde, líder dunha investigación da USC sobre a presenza do covid-19 en augas residuais | Fonte: USC - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta