A automoción consolídase como o sector de maior crecemento interanual en Galicia

Segundo o Foro Económico de Galicia, é o sector que máis exportacións realiza na comunidade galega.

Por Jessica Fernández | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2021 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

A automoción consolídase como o sector de maior incremento interanual en Galicia segundo explican en nota de prensa dende o Foro Económico de Galicia no seu último Barómetro Exportador de Galicia, Baexga, coordinado por José Manuel Santos e Isabel Novo.

Encontro do PSA no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia
Encontro do PSA no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia

“A automoción segue sendo o principal sostén das exportacións galegas con niveis un 25% superiores aos anteriores á pandemia”, afirman, xa que está no 57,3%. Ademais, o sector da metalurxia tamén rexistrou un crecemento interanual do 7,2% pola venda de aluminio e as súas manufacturas. Trátase da variación máis elevada dende o inicio da pandemia. 

ANÁLISE SECTORIAL

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), fixo pública a análise sectorial feita polos seus expertos sobre as exportacións galegas en novembro de 2020, que amosa unha taxa de variación dun -0,4% con respecto ao mesmo mes de 2019.

“Estes valores reflicten unha mellor evolución que o conxunto de España, onde as exportacións caen un 1,3%”, indican desde a entidade. Igualmente, os expertos do foro destacan o “notable” incremento interanual do sector madeira e derivados, cunha suba dun 19,6%. “É importante salientar que é o primeiro mes despois da pandemia no que rexistra taxas de variación interanual positivas”, subliñan. 

Finalmente dende o grupo Gen destacan un descenso interanual das exportacións no sector téxtil dun 47,2%, e nos sectores de combustibles e bens de equipo, que presentan resultados máis negativos, cunha caída de -65% no primeiro caso e de -17,4% no segundo. En ningún dos dous se observan, segundo apuntan desde o Foro Económico de Galicia, indicios de freo na caída das súas exportacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta