Negociar coas eólicas: "ou asinas o que queren ou van á expropiación"

As empresas eólicas de Galicia sérvense de lexislación impulsada polo PP para expropiar os donos de terras que se resisten a cedelas. O resultado é unha negociación “viciada dende o comezo”, segundo asociacións do sector, e que se apoia nunha lei "improvisada" polos franquistas en 1939.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Un atardecer do pasado mes de febreiro chegou un coche descoñecido á casa de Azucena. Del baixou un home que, sen presentarse, preguntou pola dona da casa. “O primeiro que me dixo é que traía malas noticias”, recorda a muller. O estraño traía no brazo un contrato, e baixo a manga un as: a posibilidade case segura de conseguir expropiar a quen opuxera resistencia.

Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva
Eólico, parque eólico, enerxía eólica, aeroxenerador, vento - Pexels: Elena Zhuravleva

O caso aconteceu en Aranga, un municipio coruñés que dende hai meses vive pendente dun proxecto eólico impulsado por Galenergy e Greenalia, empresa esta última que saltou aos titulares ao fichar á ex-conselleira de Medio Ambiente Bea Mato. O contrato do home que veu co atardecer pretendía arrendar as súas terras para facer pasar as liñas de alta tensión dunha estación de Friol, Lugo. Non o conseguiron: Azucena e o seu home mantiveron posicións e o contrato quedou sen asinar.

Pero o seu caso é a excepción. Galicia asiste, nos últimos meses, a unha explosión de proxectos eólicos non exenta de sombras e que promociona grazas á lexislación da Xunta de Galicia, un chisco máis laxa tras cada nova maioría absoluta de Alberto Núñez Feijóo. Ata o momento os ollos estiveron postos na polémica ‘Lei de Depredación’ de 2017, ou a secuela que no pasado febreiro lanzou a maioría absoluta do PP baixo o nome de ‘Lei de Simplificación administrativa’. Porén, a “avalancha” de eólicos non se pode explicar sen un marco legal que, practicamente, pon na man das empresas as terras que estas demanden.

A cuestión central estaría na posibilidade de expropiación. As principais voces do sector éolico --á marxe, claro, das empresas-- denuncian que este recurso é tan accesible que os promotores emprégano como coacción para conseguir o prezo que gustan. “As condicións poden ser leoninas pero a xente acepta porque presionan con expropiar: ‘ou firmades iso ou nada’”, exemplifica o presidente de Ventonoso, José Antonio Diéguez, plataforma que leva máis de 20 anos asesorando a propietarios que negocian con estas enerxéticas.

OBRA DE FRAGA E RAJOY

Esta facilidade para expropiar orixínase nun decreto da era Fraga continuado por Feijóo coa Lei Eólica de 2009. Ambas normas recollen que os proxectos declarados de “utilidade pública” contarán co favor da administración para apropiarse das terras pola forza. O problema está en que non se marcan límites a esa declaración de ‘utilidade’, quedando, na práctica, a decisión da Xunta de Galicia e o seu organismo competente.

A outra peza do puzzle vén da regulación estatal. A Lei do Sector Eléctrico aprobada en 2013

polo executivo de Rajoy declara a utilidade pública de todas as instalacións para xerar enerxía.O resultado é un cóctel perfecto no que as empresas saben que poden contar co brazo da administración para expropiar a terra do propietario que se resista. “Non coñecemos ningún procedemento desta natureza no que a declaración de utilidade pública fora negada”, apuntan dende o Observatorio Eólico de Galicia (OEGA).

"CHANTAXE" PARA BAIXAR OS PREZOS

Entón, por que a maioría de negociacións en Galicia --e o “95%” das de Greenalia-- rematan en acordo? Porque, quizais, a expropiación é unha desas armas que non fai falla disparar para saír vitorioso. A mera presenza desa ameaza garante o prezo desexado ás empresas, segundo apunta Fins Eirexas, da plataforma ecoloxista Adega: “Trátase dun argumento de chantaxe descarada: ou me vendes isto ao prezo que quero ou teño a posibilidade da expropiación”.

Esta “asimetría” que tamén o OEGA ve na negociación aséntase, á parte, nunha lei elaborada polo goberno franquista nos primeiros anos da posguerra. Sobre o papel, o decreto de Manuel Fraga de 2001 atinxe á Lei de Expropiación de 1954 e o seu artigo 52. Acontece que este punto concreto é unha refundición “practicamente” exacta --din os lexisladores do 54-- doutra regulación de 1939, e que abría a porta a que o nacente estado franquista puidera expropiar terreos diversos para avanzar nas “obras de reconstrución nacional”. O texto do 54 tamén recoñece que esta lei de 1939 tivo que ser “improvisada”; e, porén, segue vixente.

ALUGAR 10 METROS, CONSEGUIR 1.000

Con estas armas, as empresas eólicas adoitan conseguir impoñer o seu modelo de contrato, que na práctica totalidade dos casos é de arrendamento ou aluguer. “A venda de terras era máis propia nos anos 90, porque se trataba de montes”, explica Diéguez, de Ventonoso. Este cambio-- que a priori podería semellar positivo-- supón, na práctica, un golpe máis á capacidade de defensa dos propietarios, presos dunha ‘letra pequena’ na que non moitos reparan.

A “trampa”, explica Diéguez, estaría na transmisión dos ‘dereito de superficie’. Esta figura legal implica que unha empresa eólica pode conseguir o control dunha finca de, por exemplo, 1.000 metros cadrados alugando tan só unha parcela de 100, 10 ou 1. Aínda que non podería construír nesa porción maioritaria, a promotora si contaría coa potestade de poñer normas ao propietario da terra; que seguiría sendo o dono pero só sobre o papel.

MELLOR DEIXARSE EXPROPIAR?

“Levamos 20 anos informando sobre iso pero a xente segue asinando”, laméntase Diéguez, que tamén recoñece o medo á expropiación como un recurso efectivo para facer fluír a tinta dos bolígrafos. “A xente de máis idade, sobre todo, non se dá conta da gravidade do asunto”, valora, nunha liña moi semellante ao que pondera Azucena, a veciña que non deu o brazo a torcer: “Aquí en Aranga hai moitas persoas maiores que venden para non meterse en leas”.

Aínda que a expropiación soe como unha negra pantasma para moitos propietarios, o presidente de Ventonoso sinálaa como unha opción máis proveitosa que o arrendamento en determinadas circunstancias. “Vante machacar no prezo, pero aínda así pode interesar máis que asinar o contrato”, explica. Por riba, e segundo a mesma fonte, ao rematar a explotación do parque eólico o anterior propietario podería recuperar a súa terra a custe cero, sempre e cando a transmisión se fixera baixo a figura legal da servidume. Con todo, o acordo coas empresas segue a ser a tónica dominante: “a xente tenlle moito pánico á expropiación en Galicia porque foron moitos anos de espolio. E isto é un espolio máis”, sentencia Diéguez.

SEN RESPOSTA DA XUNTA E A PATRONAL

Galicia Confidencial contactou co servizo de prensa da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación para recoller a súa visión da temática tratada. Asemade, este xornal dirixiuse á Asociación Eólica de Galicia, que exerce como patronal das empresas dedicadas á explotación do vento na Comunidade, e a enerxética Greenalia. Esta última destacou a súa vontade de "diálogo e consenso", negando a existencia de "imposicións" no proceso de negociación. A Xunta e a patronal eólica non responderon.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Francisco

A información é a única defensa

2 GalegON

Moi bo artigo. Este tipo de informacións, ao detalle e citando fontes da información é o que se está perdendo. Parabéns!

1 Alienao

Haberá que ir a Bruxelas a denunciar, non?