Controis xenéticos, alternativa para loitar contra a avespiña do castiñeiro

O Campus Terra identifica e desenvolve elicitadores naturais do castiñeiro fronte á ‘avespiña’ co proxecto ‘Go Delicas’.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 14/12/2022 | Actualizada ás 19:50

Comparte esta noticia

Investigadores do Campus Terra e do Centro de Investigación Química, Biolóxica e Supramolecular da USC avanzan na loita contra a praga provocada pola avespiña do castiñeiro no marco do proxecto ‘Go Delicas’, unha actuación de I+D a través da que pretende identificar e desenvolver elicitadores e defensas naturais do castiñeiro do país fronte aos efectos devastadores provocados pola avespiña (Dryocosmus kuriphilus), un insecto orixinario de China que, en apenas unha década se converteu nunha ameaza devastadora para os produtores de castaña en Galicia.

Avespiña asiática, na bugalla dun castiñeiro
Avespiña asiática, na bugalla dun castiñeiro | Fonte: USC.

O proxecto de investigación encomendado a un grupo operativo liderado pola investigadores da Unidade de Xestión  Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) da EPS de Enxeñaría, María Josefa Lombardero, e do que tamén forman parte Paulino Martínez Portela, do grupo Acuigen da Facultade de Veterinaria, e Beatriz Orosa, do CIQUS, ademais das empresas TRAGSA S.A, Boibel Forestal S.L., Hifas Foresta S.L. e IXP Castaña de Galicia, conta cun orzamento de preto de 180.000 euros, financiados pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) con cargo a fondos europeos.

As accións específicas contempladas neste proxecto, que constitúe un chanzo máis na loita contra a avespiña do castiñeiro, pasan por identificar os xens implicados na morte celular programada da árbore e os mecanismos que a inducen. "Coñecer a capacidade que teñen as principais variedades galegas para inducir estas respostas e caracterizar a dose de concentración dos elicitadores, ademais de promover o seu desenvolmento comercial, son outras das pretensións de ‘Go Delicas’, un proxecto a través do que se trata de estudar os mecanismos xenéticos implicados na sinalización molecular", explica Lombardero.

A investigadora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC sinala neste senso que a produtividade do castiñeiro vese mermada pola existencia de enfermidades persistentes como a tinta ou o chancro e máis recente pola introdución dunha especie invasora como a alcumada avespa asiática (Dryocosmus kuriphilus). O control deste insecto realízase mediante a liberación dun parasitoide tamén introducido, Torymus sinensis, cuxas poboacións tamén se agarda que flutúen co tempo.

O emprego de castañeiros híbridos ou de variedades resistentes a este insectos é outra das alternativas para loitar contra este insecto invasor, aínda que o seu emprego incontrolado podería conducir a una perda da riqueza das variedades dos soutos galegos, sinala Lombardero, quen ve preciso explorar novas formas de control axeitadas para preservar a diversidade xenética e a produción.

ALTERNATIVAS ECOLÓXICAS

A agricultura, no actual contexto de desenvolvemento sostible, está a incorporar alternativas máis ecolóxicas para limitar o uso de insecticidas químicos e regular a xestión de pragas. O aumento da resistencia natural das plantas é unha das liñas de investigación preferentes, entre as que se atopa o emprego de substancias biolóxicas que poden estimular a inmunidade das plantas.

Esta actuación, que figura entre as que se contemplan desenvolver no marco de ‘Go Delicas’, baséase no desenvolvemento de axentes que poden imitar aos inductores naturais de sistemas de defensa das plantas denominados elicitadores, que actúan en diversos puntos da vía de sinalización celular desencadeando unha resposta defensiva que conduce á resistencia natural da planta fronte a pragas ou a enfermidades, explica Lombardero.

A investigadora do Campus Terra da USC defende que este tipo de solucións son particularmente interesantes para os viveiros produtores de castiñeiro, nos que a efectividade do parasitoide depende da existencia de masas de castiñeiros nas súas proximidades.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta