Máis riscos de Altri para a saúde de hoxe... e a de mañá. "Non só suporá un perigo a 3 anos vista, senón tamén a 30"

"Fábricas como Ence e Elnosa empregaron durante décadas unha tecnoloxía baseada na produción de celulosa tipo 'kraft', igual á prevista agora por Altri", di a neurocientífica galega Sonia Villapol. "A pesar da súa longa actividade, non existen estudos epidemiolóxicos públicos e independentes que analicen a relación entre a exposición aos contaminantes industriais e a incidencia de enfermidades nas poboacións próximas nin nos seus traballadores".

Por Galicia Confidencial | LUGO | 22/04/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"A saúde pública non pode ser negociable". Con esta frase contundente, a neurocientífica galega Sonia Villapol, que traballa no Texas Medical Center de Houston, onde é investigadora principal e profesora, resume a súa visión sobre o proxecto da macrocelulosa que Altri pretende instalar en Palas de Rei. Despois de ter analizado as consecuencias para a saúde da poboación e dos traballadores na nosa reportaxe anterior, a doutora, con ampla experiencia internacional en investigación biomédica, advirte da necesidade de tomar medidas axeitadas para mitigar os perigos que unha planta industrial destas dimensións pode supoñer para a saúde da poboación: dende o incremento de enfermidades respiratorias ata alteracións no desenvolvemento infantil, pasando por efectos a longo prazo que poderían impactar nas xeracións futuras. Mentres a empresa defende o seu proxecto como unha aposta pola innovación e o emprego rural, Villapol alerta da falta de estudos epidemiolóxicos, da opacidade informativa e da ausencia de medidas preventivas reais nun contexto no que xa existen precedentes preocupantes, tanto fóra como dentro de Galicia --aínda que a menor escala neste último caso--.

Varias persoas protestan durante unha manifestación contra a empresa de celulosa Altri, a 26 de maio de 2024, en Palas de Rei
Varias persoas protestan durante unha manifestación contra a empresa de celulosa Altri, a 26 de maio de 2024, en Palas de Rei | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

MEDIDAS PREVENTIVAS OU DE MITIGACIÓN: DA CAPTURA E MINERALIZACIÓN DE CO2 ÁS ZONAS DE EXCLUSIÓN OU AMORTECEMENTO ARREDOR DA PLANTA

Enfermidades respiratorias, cardiovasculares, neurolóxicas e oncolóxicas, efectos sobre o desenvolvemento infantil, a saúde mental e o benestar da comunidade... Con todos estes perigos á orde do día unha vez que o proxecto se poña en marcha, para Villapol sería preciso, en caso de que a loita social non logre a súa paralización, tomar unha serie de medidas preventivas e de mitigación para minimizar os riscos sobre a saúde das persoas. "Unha instalación industrial destas dimensións debería contar cunha tecnoloxía avanzada de redución de emisións que avance cara un modelo de cero emisións netas, adoptando principios como a deforestación cero", reivindica a doutora. Sen embargo, lamenta que "só o 12 % das empresas do sector da celulosa adoptaron prácticas de deforestación cero". Aínda que tamén resalta que "a solución vai máis aló da simple redución do consumo de madeira, pois requírese dunha fonda transformación das prácticas industriais, desde a xestión forestal aos procesos de fabricación e reciclaxe, a transformación sostible dos procesos e a optimización da produción con criterios de eficiencia ambiental". E todos os países e os sectores industriais da celulosa deberían adecuarse a este obxectivo global. Con todo, lamenta que "estes non semellan ser os principios que guían o proxecto Gama".

Para Villapol, resulta "fundamental promover unha economía limpa, circular, eficiente no uso dos recursos e climaticamente neutra", polo que "a industria debería ir máis alá da simple limitación das emisións e adoptar solucións como a captura e mineralización de CO2, unha tecnoloxía xa viable e en marcha noutros contextos internacionais, no canto de propoñer verter grandes cantidades de gases contaminantes á atmosfera e ao río Ulla, con repercusións na ría de Arousa". Así mesmo, considera que tamén "sería imprescindible establecer zonas de exclusión ou amortecemento arredor da planta, para aumentar a distancia de seguridade respecto da poboación, especialmente no caso de verteduras accidentais ou fugas". Porén, unha das cuestións máis preocupantes, dende o seu punto de vista, é "a ausencia dunha comunicación clara, accesible e transparente á cidadanía sobre os riscos reais que implica a exposición prolongada a unha fábrica destas características". "A información veraz e comprensible é unha medida preventiva esencial que, neste caso, está a ser descoidada", lamenta a doutora.

CASOS SEMELLANTES NOUTROS PAÍSES E TAMÉN EN GALICIA, CON ENCE E ELNOSA, A MENOR ESCALA PERO SEN ESTUDOS EPIDEMIOLÓXICOS PÚBLICOS

Proxecto de Altri en Palas de Rei
Proxecto de Altri en Palas de Rei | Fonte: Arquivo

E é que o proxecto de Altri non é algo novo. Empresas semellantes xa demostraron as nefastas consecuencias que teñen sobre a saúde da poboación noutros lugares. Villapol detalla que "existen antecedentes preocupantes noutros países nos que a presenza de plantas de celulosa tamén xerou controversia por ese impacto innegable sobre a saúde pública e ambiental", e apunta a casos en zonas industriais do Leste de Europa, Canadá ou Estados Unidos, nos que "o establecemento de grandes plantas químicas e pasteiras se correlacionou cun aumento significativo de enfermidades respiratorias crónicas, trastornos hormonais, cancros, problemas neurolóxicos e efectos sobre a saúde reprodutiva". De feito, asegura que, "nalgúns casos, os efectos foron subestimados nas fases iniciais do proxecto en cuestión e só se fixeron evidentes anos despois". Por iso, considera que "é fundamental que os futuros traballadores e a poboación da contorna na que se prevé instalar a planta de Altri conten cunha información clara e transparente sobre os riscos potenciais para a saúde, á luz dos estudos internacionais dispoñibles". "A falta de investigacións específicas non pode empregarse como argumento para negar ou minimizar un impacto que, pola súa natureza e antecedentes, require unha visión preventiva e responsable desde o inicio", advirte.

Ademais, convida a pensar sobre casos de proxectos semellantes que existen na nosa propia Galicia. Sen ir máis lonxe, as celulosas de Ence e Elnosa en Pontevedra. "Durante décadas empregaron unha tecnoloxía baseada na produción de celulosa tipo 'kraft', igual á prevista agora polo proxecto de Altri", resalta. Así, sinala que, "a pesar da súa longa actividade, non existen estudos epidemiolóxicos públicos e independentes que analicen de maneira sistemática a relación entre a exposición aos contaminantes industriais destas plantas e a incidencia de enfermidades nas poboacións próximas, nin tampouco nos seus traballadores". Con todo, "a percepción social deste impacto por parte da veciñanza foi constante ao longo dos anos, téndose denunciado unha alta incidencia de enfermidades respiratorias, certos tipos de cancro e mortes prematuras, especialmente entre antigos empregados das fábricas". Así as cousas, para Villapol, "a experiencia pontevedresa exemplifica a falta de avaliación sanitaria rigorosa noutros proxectos semellantes, algo que debera servir de advertencia ante a proposta de Altri".

VIXILANCIA AMBIENTAL E SANITARIA QUE VAIA MÁIS ALÓ DAS NORMATIVAS VIXENTES, XA CADUCAS, E BIOMONITORIZACIÓN DE POBOACIÓN E EMPREGADOS

Aínda tendo isto en conta, se o proxecto finalmente seguise adiante, a doutora sinala que "será imprescindible establecer un sistema de vixilancia ambiental e sanitaria rigoroso, transparente e continuo, que vaia moito máis aló das normativas actualmente vixentes, moitas das cales foron establecidas entre os anos 2003 e 2011 e non reflicten o coñecemento científico actual". Pois, por exemplo, Villapol sinala que "hoxe sabemos que, na maioría das enfermidades crónicas, como os cancros, as patoloxías neurolóxicas ou cardiovasculares, o factor ambiental pesa máis que o xenético, polo que resulta fundamental adoptar unha visión preventiva baseada na evidencia". Deste xeito, apunta a que "se recomenda a instalación de estacións de medición permanente da calidade do aire, auga e solos, con sensores que recollan datos en tempo real sobre partículas finas, compostos orgánicos volátiles, óxidos de nitróxeno e outros contaminantes relevantes".

Ademais, tamén asegura que "será necesario implementar programas de biomonitorización na poboación local e nos traballadores que inclúan análises periódicas de sangue e ouriños para detectar a exposición a tóxicos, revisións médicas enfocadas a enfermidades respiratorias e cardiovasculares, avaliacións da microbiota intestinal, radiografías torácicas e, se procede, facer unha selección das persoas dentro de grupos de risco a efectos de seguimento sanitario". Porén, tamén expón que "a opción de recoller datos no lugar de traballo podería levar a un sesgo de información", pois "todo este sistema de vixilancia debería contar cun acceso público, aberto e transparente aos datos recollidos, dentro da confidencialidade, coa participación activa de profesionais da medicina, da epidemioloxía e da comunidade científica independente". Por último, Villapol resalta que "calquera contaminante que represente un risco demostrado para a saúde non debería ser permitido producilo, incrementando ao máximo as medidas de filtrado, neutralización ou substitución para evitar a exposición humana a un nivel diferente de cero". "A saúde pública non pode ser negociable", conclúe a doutora.

EN RISCO A SAÚDE DAS FUTURAS XERACIÓNS: A EXPOSICIÓN CRÓNICA AOS CONTAMINANTES PODE TER CONSECUENCIAS DURADEIRAS A FUTURO

"A exposición crónica e continuada aos contaminantes ambientais xerados por unha planta de celulosa pode ter consecuencias graves e duradeiras na saúde das futuras xeracións, mesmo cando os niveis de emisión se manteñan dentro dos límites legais vixentes", advirte Villapol, incidindo no feito de que "estudos internacionais feitos noutras celulosas e industrias do papel sinalan que a exposición prolongada a partículas finas, óxidos de nitróxeno, dioxinas, compostos orgánicos volátiles e metais pesados está relacionada con trastornos hormonais, alteracións no desenvolvemento neurolóxico, enfermidades respiratorias crónicas e diversos tipos de cancro, efectos que poden manifestarse anos ou mesmo décadas despois da exposición inicial". Como resulta lóxico, estes riscos afectan especialmente ás persoas traballadoras das fábricas e tamén á poboación da contorna. Polo tanto, a doutora resalta que "non só estamos falando dun impacto na saúde en 2 ou 3 anos, senón tamén en 20 ou 30".

Indo aos datos, segundo a OMS, a contaminación do aire causa arredor de 7 millóns de mortes prematuras ao ano e millóns de anos de vida saudable perdidos en todo o mundo. Máis en concreto, indo a grupo de poboación vulnerables, Villapol apunta a que, "nos nenos, a exposición pode provocar a redución da función pulmonar, infeccións respiratorias recorrentes e agravamento da asma, ademais de afectar ao desenvolvemento cognitivo e inmunolóxico durante etapas críticas de crecemento e apredizaxe". Xa na idade adulta, "os efectos máis frecuentes son cardiopatías isquémicas, accidentes cerebrovasculares, diabetes e doenzas neurodexenerativas". Ademais, cómpre resaltar, como precisa a doutora, que "non é só a concentración do contaminante o que determina o risco, senón tamén a súa exposición prolongada no tempo", isto é, "mesmo niveis considerados 'seguros' poden ter un impacto sanitario considerable a longo prazo". De feito, apunta a que nas proximidades doutras celulosas se observou un aumento na incidencia de problemas respiratorios.

EN GALICIA HAI UNHA PREVALENCIA DE ASMA BRONQUIAL DO 13 %, POLO QUE A POBOACIÓN DE PALAS PODERÍA SER ESPECIALMENTE VULNERABLE

No caso galego, no que hai unha prevalencia de asma bronquial do 13 %, a poboación de Palas de Rei podería ser especialmente vulnerable. Ademais, tamén apunta a "estudos recentes que sinalan que certos contaminantes poden inducir alteracións epixenéticas, isto é, cambios na expresión dos xenes que poden transmitirse á descendencia sen modificar o ADN, incrementando así o risco de enfermidades nas xeracións futuras". Desta maneira, en ausencia de medidas preventivas e de control ambiental estritas, a implantación dunha macrocelulosa como a proposta por Altri podería aumentar a incidencia de enfermidades crónicas e, en consecuencia, colapsar os recursos sanitarios locais, comprometendo tamén seriamente a calidade de vida das xeracións vindeiras na comarca da Ulloa. Por iso, Villapol asegura que "dende diversos ámbitos científicos reclámase unha revisión urxente da normativa ambiental, pois estudos recentes evidencian unha relación directa entre a exposición continuada a estes contaminantes e o desenvolvemento de enfermidades graves, alertando tamén sobre os efectos acumulativos da contaminación ambiental mesmo en concentracións consideradas como 'permitidas'".

Manifestación na Pobra contra o proxecto de Altri e a Mina de Touro
Manifestación na Pobra contra o proxecto de Altri e a Mina de Touro | Fonte: GC - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta