Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 15/05/2025 | Actualizada ás 14:00
Galicia leva décadas mergullada nun proceso silencioso, pero devastador, que está a transformar radicalmente a súa paisaxe, a súa biodiversidade e mesmo o seu futuro ambiental. O culpable? Un vello coñecido: o eucalipto. Esta árbore, introducida nos anos 50, medra rápido, xera beneficios económicos inmediatos e foi promovida durante anos polas industrias pasteiras e polas administracións sen apenas oposición. O resultado? Unha auténtica barbaridade: arredor de 450.000 hectáreas ocupadas por esta especie foránea nun país pequeno e rico en biodiversidade. Galicia Confidencial fala hoxe con Javier Guitián, catedrático de Bioloxía Vexetal da Universidade de Santiago (USC), que lanza unha advertencia fundamentada: o monocultivo do eucalipto non só é ecoloxicamente ruinoso, senón que se nos está indo das mans. A moratoria vixente? Insuficiente. O control? Escaso. E os efectos? Incendios devastadores, perda de fauna e flora e un modelo forestal 'absurdo' que lembra máis a unha romaría sen orde nin concerto que a unha xestión racional do territorio.
"Actualmente o eucalipto ocupa arredor dunhas 450.000 hectáreas da superficie forestal galega, o cal é unha barbaridade, tendo en conta que en Galicia hai 3 millóns de hectáreas de superficie arbolada, das cales, aproximadamente a metade son de bosque arbolado", advirte Guitián, que insiste en que "é unha barbaridade que as plantacións de eucalipto ocupen unha superficie tan grande nun país tan pequeno". Así as cousas, detalla que, "dese millón e medio de hectáreas, unha terceira parte son de eucaliptos, outra terceira parte son de piñeiros e algo máis doutra terceira parte serían de bosques autóctonos". Para ilustrar o absurdo do modelo forestal actual, convida a facer o exercicio mental de substituír ese medio millón de hectáreas de eucalipto por medio millón de hectáreas de tomates. "Alguén o vería lóxico?", pregúntase.
"NIN O GOBERNO CENTRAL NIN A XUNTA PUXERON NUNCA PEGAS A ESTE CULTIVO ATA QUE OS SEUS EFECTOS NEGATIVOS FORON XA MOI EVIDENTES"
Para atopar a raíz deste problema hai que remontarse no tempo ata o momento de introdución desta árbore en Galicia. Como sinala o catedrático da USC, habería que retrotraerse ata mediados do século pasado. "O eucalipto comezou a plantarse en Galicia a partir dos anos 50 e proliferou moito a partir do cambio de réxime, trala morte de Franco", lembra. E é que, tal e como apunta, "ao haber unha celulosa de Ence en Pontevedra --creada en 1963-- e outra en Navia (Asturias) --creada en 1957--, tamén moi próxima á fronteira galega, houbo durante eses anos unha promoción moi grande das plantacións de eucalipto". E, nesta ecuación, a parte económica tamén é clara: "É unha especie de crecemento rápido, pois hai eucaliptos que se están cortando para a industria da pasta do papel con 12 anos, mentres que un castiñeiro non se adoita cortar antes dos 35 anos nin un piñeiro antes dos 40". Cal foi aquí o problema? Para Guitián, derivou desa idea de que "cada propietario podía facer o que quixese na súa finca e plantar o que quixese, sen maior control".
Con ironía, o catedrático da USC adoitaba poñer ao seu alumnado nas clases un exemplo elocuente: "Pensade que a todos nos deixan plantar sen límites plantas de tomate e que a súa rendibilidade é tan alta que todos nos poñemos a plantar tomates nas nosas fincas, ata chegar a ter medio millón de hectáreas de tomates en toda Galicia...". "Chegados a ese punto, ao mellor temos que pensar nunha xestión diferente", considera. E é que o monocultivo nunca é bo, pero menos aínda se se trata de eucaliptos, cuxa plantación masiva non é inocua: "O eucalipto afecta tamén á biodiversidade da contorna na que se instala". A pesar de todo, lamenta que "nin o Goberno central nin a Xunta puxeron nunca pegas a este cultivo, ata fai ben pouco, e porque os seus efectos negativos foron xa moi evidentes". "Tiveron que facerlles ver que non era normal que unha especie chegada de fóra e que xeraba tantos problemas ocupase xa un terzo da superficie arbolada de Galicia", asevera.
"DEIXARON DE PERMITIR PLANTACIÓNS, NA SÚA MAIORÍA, EN CONCELLOS QUE XA NON ERAN PROPICIOS PARA O EUCALIPTO, POR ENRIBA DOS 500 METROS"
Polo que respecta á moratoria, ao preguntarlle pola efectividade da mesma, o catedrático da USC asegura que esta "tampouco foi unha medida tan revolucionaria". O por que? Segundo di, "o que fixeron foi deixar de permitir plantacións de eucalipto na súa maioría en concellos que, por estar xa por enriba dos 500 metros de altitude, non eran propicios para o axeitado crecemento do eucalipto, especie á que non lle gustan as xeadas". Así as cousas, Guitián pregúntase: "Que máis me dá que me prohíban plantar eucaliptos en Becerreá, por exemplo, se alí xa non se ían dar?". Aínda que tamén concede que "ben é certo que agora hai novas variedades que si están máis adaptadas ás zonas frías e que tamén están comezando a espallarse por elas", pero, aínda así, recalca que "a da moratoria tampouco foi unha medida tan revolucionara".
Ademais, Guitián tampouco percibe que as restricións tivesen servido de moito para frear a expansión: "Eu creo que a moratoria tampouco foi tan efectiva, debido a que non hai un control moi intenso sobre a plantación". De maneira que considera que "poderían ter limitado a expansión do eucalipto se se tivese controlado en maior medida o que fai a xente nas súas fincas, pero polo que podemos comprobar cos datos relativos á superficie ocupada por eucaliptos en Galicia, non foi así, pois vemos que esta vai medrando ano tras ano". Deste xeito, as plantacións desta especie espalláronse rapidamente, como a pólvora, dende o comezo. "Dende os anos 50 e 60 o crecemento foi brutal, ata o punto de que nos anos 80 podía haber da orde de 170.000 hectáreas e, nos últimos anos --incluíndo tamén os da moratoria, que entrou en vigor no 2021--, as cifras xa se nos foron das mans", lamenta. E lembra que, "durante anos, estas plantacións non se consideraban plantacións como tal, senón 'bosques'", cando, "ao comparar a diversidade de especies animais e vexetais que había nun eucaliptal coa que había nun bosque autóctono, demostrábase que había moita máis diversidade nun bosque autóctono".
"QUE NECESIDADE HAI DE TRAER AQUÍ UNHA EMPRESA QUE NON QUEREN EN PORTUGAL? ALÍ NON A DEIXAN INSTALAR PORQUE PRECISARÁ MOITO EUCALIPTO"
Pero, cal é o verdadeiro problema co eucalipto a día de hoxe? Como advirte Guitián, "que hai tanto que xa comeza a ser un problema global". Tanto é así que, segundo apunta, "para predicir cantas especies de paxaros, de plantas ou de insectos hai nun territorio determinado, un dos mellores indicadores neste intre é ver cal é a superficie de eucalipto que hai nese territorio", como se ten demostrado en numerosos estudos. Así, a superficie de eucaliptos converteuse nun indicador das graves consecuencias ecolóxicas desta especie. "Demostrouse --xa nos anos 80-- que a riqueza de aves era moito menor nun eucaliptal que nun bosque de carballos, así como que a diversidade de plantas tamén era moito menor nun eucaliptal que nunha carballeira", sinala o catedrático, que lembra que "isto é así porque o consumo de auga dos eucaliptos é moito maior, o cal provoca graves problemas no solo, e porque as súas follas son moi duras e conteñen uns nutrientes distintos ás doutras árbores, polo que a súa incorporación ao chan tamén é diferente".
A isto habería que sumar a preocupación máis grande vinculada ás plantacións de eucaliptos: os incendios forestais. "Isto é algo no que, ata que non acontece unha gran desgraza, a xente non se detén a pensar", lamenta Guitián, que pon como exemplo das devastadoras consecuencias de ter grandes plantacións de eucalipto ante un incendio forestal o que aconteceu no ano 2017 en Portugal, cando "houbo varios mortos e moita xente quedou arruinada porque os eucaliptais prenderon lume coma se fosen mistos". Esa gran catástrofe foi precisamente a que levou a que o Goberno luso prohibira tallantemente a plantación de máis eucaliptos, "especie pirófita onde as haxa, con gran facilidade tanto para arder como para propagar o lume". Neste punto, saca a colación a previsible instalación da factoría lusa de Altri en Palas de Rei: "Que necesidade hai de traer aquí unha empresa que non queren en Portugal? Alí non a deixan instalar porque saben que vai precisar grandes cantidades de eucalipto e iso daría lugar a novos lumes e outros numerosos problemas", reflexiona.
"A XUNTA FORZOU A RETIRADA DOS EUCALIPTOS DO CATÁLOGO ESPAÑOL DE ESPECIES INVASORAS AÍNDA QUE CUMPRÍAN TODOS OS CRITERIOS PARA SELO"
Sobre a consideración do eucalipto como especie invasora, o catedrático da USC lembra unha polémica científica desatada hai uns anos ao respecto: "Houbo un debate moi forte na comisión ministerial do que se deu en chamar especies invasoras, e acordouse, por maioría, que os eucaliptos o eran". Con todo, Rigueiro lembra que "a Xunta de Galicia e algunha outra comunidade persoáronse no expediente para que retiraran os eucaliptos do catálogo español de especies invasoras e lograron que así fose". Todo iso a pesar de que, como insiste, "os científicos máis expertos na materia demostraron que cumprían con todos os criterios para ser considerados unha especie invasora". Por iso, como subliña, xa non é un problema a nivel individual, senón que vai máis aló: "Xa non é un problema que atinxa ao dono da finca, é un problema de todos, porque ao final a biodiversidade é un patrimonio de todos". Pero o fondo do asunto está, dende o seu punto de vista, en que "non se está actuando ben, xa sexa por intereses das empresas pasteiras ou por intereses políticos, e iso é algo que calquera que non estea cego pode ver".
Aínda así, Guitián recoñece que nos montes galegos si pode haber espazo para un uso racional do eucalipto, pois "outra cousa é que queiramos ou precisemos ter algunha que outra plantación para facer fronte ás nosas necesidades", pero sempre "facéndoa ben, delimitando en que lugares se pode facer e obrigando á xente a que a xestione e a manteña limpa, non permitindo que invada espazos lindeiros". Fronte a este uso responsable, o catedrático da USC lamenta que a situación actual é ben distinta: "Galicia converteuse para o eucalipto nunha romaría que leva celebrándose dende hai máis de 50 anos, na que cada un pode facer o que queira, cortar o que queira e plantar o que queira". Por iso, a pregunta final é clara: debe prorrogarse a moratoria? "Teño as miñas dúbidas, pero decántome porque si que hai que prorrogala, pero poñendo máis esforzo en controlar as plantacións, porque se non se vixían os montes ao completo, a xente seguirá facendo deles o que queira", conclúe Guitián.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.