Allariz acolle a XXVII Feira de Outono de Allariz

Será os días 11 e 12 de novembro e contará cuns trinta postos nos que non faltarán produtos de tempada como mel, cogomelos, noces, castañas, etc.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 09/11/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Como xa é tradición en Allariz, chega neste mes de novembro a súa Feira de Outono, un evento gastronómico que ten como obxectivo principal promover e destacar os produtos deste tempo. No pavillón do Instituto de Allariz, 30 produtores galegos, do Bierzo e portugueses, venderán durante a fin de semana entre as 10:30 e as 20:00 h.  mel, cogomelos, noces, castañas e os seus derivados, entre outros produtos.

Presentación da XXVII Feira de Outono de Allariz. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Presentación da XXVII Feira de Outono de Allariz. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

Alén da venda de produtos, a feira ofrece unha programación completa que inclúe demostracións de cociña en vivo, obradoiros para os máis pequenos, saídas ao monte para recoñecer cogomelos, probas de produtos, etc. Tamén se realizarán sorteos para aqueles que se animen a facer compras.

SAÍDA AO MONTE PARA COLLER COGOMELOS

A semana que vén publicarase o programa completo de actividades para que todas as persoas interesadas podan consultalo pero o concello avanza xa que tanto o sábado como domingo haberá saída ao monte para recoller cogomelos da man de José Gómez Bragaña, especialista do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán. Para participar nesta saída é preciso formalizar a inscrición no correo dinamizacioneconomica@allariz.gal, indicando o nome completo e o nº de teléfono e o día no que se anota.

O espazo gastronómico estará preparado os días da feira para que os visitantes poidan degustar pratos típicos da estación de outono. Ademais, os restaurantes da vila ofrecerán menús e tapas elaboradas con produtos de outono e sortearán unha comida para dúas persoas entre aqueles que probe o menú nalgún dos establecementos participantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta